Nove gromos e os contaxios entre a mocidade, detrás dos fechamentos de Mos e A Pobra

Vista das bateas na Pobra. (Foto: Turismo da Pobra do Caramiñal)

O temor á expansión epidemiolóxica entre a poboación moza que aínda non recibiu a vacina é un dos motivos polos que o Comité Clínico acordou manter restrinxida a mobilidade nestes dous municipios a partir do sábado. Dáse a particularidade de que ambos xa están fechados desde hai días.

A Dirección de Saúde Pública xustificou esta quinta feira, a través da publicación do anuncio no Diario Oficial da Galiza (DOG) as medidas impostas tras a reunión do comité clínico da terza feira, especialmente restritivas cos concellos de Mos e A Pobra do Caramiñal, onde por exemplo estará vixente o toque de recoller.

Malia que as dúas localidades xa están en situación de máximo risco, xunto con Lobios, desde a semana pasada, este sábado á medianoite ficarán igualmente co confinamento perimetral. As razóns que fornece Saúde Pública son os contaxios entre a xente moza, que poden crecer porque esta parte da poboación aínda non foi vacinada, e nove gromos da Covid-19.

No mesmo escrito falan de que algúns dos surtos tiveron orixe nas empresas.

Poboación bastante nova

En particular, a publicación fala da necesidade de conter a expansión do coronavirus en Mos porque os municipios cos que limita teñen datos de incidencia “moi inferiores” e, ademais, o seu “carácter fortemente industrial” implica un gran movemento de traballadores que poden mover a pandemia entre vilas limítrofes.

Aliás, o índice de envellecemento da veciñanza é do 23%, o que fai que o concello estea “lonxe de adquirir a inmunidade de grupo na poboación nova, que é a que ten máis mobilidade, tanto por razóns de traballo como de lecer, o que inflúe nun aumento da transmisión”.

A Dirección  Xeral tamén destaca que os brotes activos neste concello están a darse no ámbito familiar, educativo e social, pero poden "producir casos nos ámbitos laborais".

As particularidades da Pobra

Pola súa parte, as e os expertos entenderon que A Pobra "non leva o tempo suficiente neste nivel para asegurar que a evolución da súa situación epidemiolóxica sexa adecuada".

O confinamento é unha medida de “precaución” porque en Boiro e Ribeira, que comparten fronteiras, “seguen aparecendo casos de forma continua”. Ademais, o vínculo do municipio coa pesca “complica” o rastrexo dos casos.

Dos nove gromos laborais contabilizados nestes municipios, unha boa parte circunscríbense ás conserveiras, onde é "difícil manter a distancia de seguridade, ademais de ser un ambiente con alta humidade e baixa temperatura, que facilita a transmisión do virus".

O resto dos municipios

A partir do sábado, ademais destes fechamentos perimetrais, haberá limitacións de nivel alto en Ordes e Viveiro.

As medidas do nivel medio de risco quedarán activadas en Moraña, Ponteareas, Cenlle, O Barco de Valdeorras, Ribeira, Boiro, Oroso, Xove, Vilalba e Monforte de Lemos, nos cales a hostalería estará aberta ao 30% no interior dos locais e ao 50% en terrazas. A capacidade do comercio é do 75%.

As demais localidades da Galiza permanecerán no chanzo medio-baixo.