Greve nas universidades galegas o 24 de marzo

As organizacións sindicais CIG-Ensino, CCOO e UGT e organizacións estudantís como Comités, Liga estudantil galega e Agir anunciaron a convocatoria dunha xornada de protesto nos campus galegos .

 

As universidades galegas irán á greve o vindeiro 24 de marzo. “Razóns sobran”, sinalan os convocantes (CIG, CCOO e UGT, así como Comités, LEG e Agir) , porque, segundo explicou a representante da CIG, Alba Nogueira, “ao último decreto –o 3+2- hai que engadir que as universidades galegas son das que contan co peor financiamento respecto do PIB, perderon case 100 millóns de euros nos últimos anos e son as segundas co profesorado máis envellecido do Estado”.

A convocatoria de folga parte das organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Universidades e a ela anunciaron a súa adhesión as organizacións estudantís galegas. O seu obxectivo é denunciar as consecuencias das reformas emprendidas polo PP que teñen como obxectivo “dinamitar as universidades públicas”, dixo Alba Nogueira. Reformas diversas entre as que subliñou o último decreto 3+2, mais tamén as medidas referidas á creación de centros ou a acreditación do profesorado universitario.

"Ao decreto 3+2 hai que engadir que as universidades galegas son das que contan co peor financiamento respecto do PIB, perderon case 100 millóns de euros nos últimos anos e son as segundas co profesorado máis envellecido do Estado”

Nogueira tamén denunciou que a situación das universidades galegas é grave, non só pola perda de financiamento -86 millóns nos últimos anos- senón tamén pola non renovación do seu persoal, que “deteriora a calidade docente” .

Obrigados a dar “un golpe na mesa”

Esta situación, apunta Alba Nogueiro, “obríganos a dar un golpe na mesa” e a trasladar á sociedade que a situación das universidades ten tamén “graves consecuencias para o futuro do país, porque un país no que as universidades públicas non funcione é un país no que o sistema de investigación cae, onde a formación da xente nova está en risco e que non pode avanzar nin ter futuro”, alertou.

Para a representante da CIG, o obxectivo do PP é favorecer, con estas medidas, as universidades privadas. Así, dixo, nos últimos 14 anos creouse unha universidade privada por ano e ningunha pública e que, ao tempo, as universidades públicas perderon 4.400 profesores e profesoras, mentres que as privadas gañaron 4.100.

María González falou en nome das organizacións estudiantís e informou da decisión destas de sumarse á convocatoria das organizacións sindicais e adiantou que mobilizarán o estudantado universitario. “Estamos buscando chamar o máximo número de alumnos e alumnas e porémonos en contacto con diferentes sectores para que sexa o máis masiva posíbel”.