Madrid aproba o 'decreto 3+2': estudar o mesmo por máis cartos

Aula universitaria [Imaxe de arquivo]

O Consello de Minist@s da luz verde esta sexta feira (30 de xaneiro) a unha nova reforma do ensino universitario. Tres anos de carreira e dous de máster. 

 

O denominado 'decreto 3+2' foi aprobado este 30 de xaneiro polo executivo español. A nova norma prevé "flexibilizar a estrutura universitaria e converxer con Europa", afirman desde Madrid. No concreto, a reforma permitirá ás universidades mudar a actual duración dos estudos superiores. Neste senso, os centros poderán ofrecer graos de até 3 anos e mestrados de dous. 

A medida conta co rexeitamento do profesorado, reitorados e das organizacións sindicais --tamén estudantís, por consideraren que suporá un incremento do custe para o estudantado. Os seus prezos móvense entre os 2.500 euros e os perto de 7.000, por un só ano. 

O 'decreto 3+2' vén modificar a reforma. E é que no ano 2007 o goberno español aprobou o Plan Boloña polo que se fixaba unha duración obrigatoria para os graos de catro anos. Este feito obrigou as universidades a adaptaren os seus plans de estudos --entre outros-- para as extintas diplomaturas, abocadas a sumar un ano a maiores. 

No 2007 o goberno español aprobou o Plan Boloña polo que se fixaba unha duración obrigatoria para os graos, de catro anos

Porén, Educación dará carta branca a que as institucións universitarias reduzan nun ano os graos e engadan un outro aos mestrados, cuxos prezos de matrícula son significativamente máis elevados. 

Rexeitamento 

Desde a CIG-Ensino, CC.OO, UGT-FETE, CSI-F  emitiron un comunicado conxunto no que rexeitan o decreto por dificultar "o acceso á educación superior" habida conta dos "elevados prezos dos estudos de posgrao e as maiores dificultades para o acceso a bolsas e axudas". No posicionamento público as organizacións sindicais alertan das consecuencias desta medida nomeadamente entre o estudantado con menor poder adquisitivo. 

Asemade, explican, "a redución do número de créditos precisos para finalizar os estudos de grao e a previsíbel perda de alumnado terá un impacto negativo no financiamento das universidades públicas", gravemente atinxidas polos sucesivos recortes acometidos nos orzamentos públicos.