A convocatoria é no ensino medio e universitario

Greve nas aulas esta quinta feira para reclamar unha lei galega de educación

Iria Figueroa, no uso da palabra durante a conferencia de imprensa da Plataforma Galega en Defensa do Ensino Pública, oferecida o pasado 9-N

Esta quinta-feira 16 de novembro, a organización estudantil Erguer convoca unha greve no ensino medio e superior para reclamar a existencia dunha lei integral galega de educación. Haberá mobilizacións ás 12 do mediodía nas sete cidades galegas, amais de nas vilas de Melide, Ribeira, Lalín, Vilagarcía de Arousa, Cangas do Morrazo e Moaña.

A convocatoria foi tamén apoiada pola Plataforma Galega en Defensa do Ensino Público e pretende facer fronte á LOMCE e ao modelo 3+2. “Esiximos unha lei de educación porque entendemos que o debate do ensino está totalmente desterrado da axenda política”, di en declaracións a Sermos Galiza a responsábel de Organización de Erguer, Iria Figueroa, quen sinala como a subcomisión designada polo Congreso aínda non se reuniu “cando hai moitas forzas políticas españolas que xa en principio declararan estar en contra da LOMCE e a súa intención de avanzar cara outro modelo educativo”.

 

 

Desde a organización estudantil explican que non ven “vontade” por mudar a situación. “Parece que a suspensión das reválidas do curso pasado xa é suficiente, e que a LOMCE acabará pasando sen pena nin gloria ou sendo substituída por un pacto entre forzas políticas que suporá unha mudanza moi leve na propia lei”, comentan. Porén, en Erguer apuntan a que “o verdadeiro problema de fondo da LOMCE non son as reválidas, senón o modelo antipedagóxico, elitizador e uniformizador, totalmente agresivo coas nosas realidades nacionais”.

 

O estudantado galego procura con esta xornada de mobilizacións que se recupere o debate sobre o ensino e aposta nunha lei galega de educación que permita á Xunta de Galicia recobrar as competencias educativas plenas nos contidos “e así poder coñecer a nosa realidade propia ao estudarmos, e non só un ensino que é igual en todo o Estado”.

 

Outro aspecto da lei que rexeitan é o modelo educativo que xira arredor dos exames “que determinan unha etapa enteira para o alumnado”. “Nós entendemos que ten que ser o contrario, tender máis cara á avaliación e aprendizaxe continuada, dotando de importancia á diversidade no ensino, a unha educación que teña máis en conta que non todas aprendemos ao mesmo ritmo”, manifesta a responsábel de organización.

 

 

“Agardamos que a greve desta quinta feira será amplamente secundada, cun grande éxito de convocatoria, e que por fin se amosará nas rúas o que xa fomos anticipando con campañas durante o inicio de curso”, comenta Figueroa. Refírese ao referendo sobre a lei de educación galega que Erguer realizou en 70 centros de ensino de todo o país. Participaron perto de 8000 estudantes, dos cales 94% votaron a favor dunha lei integral galega de educación como alternativa á LOMCE e ao plan Boloña.