Medio Ambiente

Greenpeace recorrerá perante o Tribunal Constitucional a sentenza do Supremo favorábel a Ence

A sentenza a favor da permanencia de Ence contou co voto discrepante dunha das maxistradas do Supremo. (Foto: Europa Press)
"Todo o que rodea o 'caso Ence' cheirou sempre moi mal", denuncia Manoel Santos, coordinador da organización ecoloxista na Galiza.

A sentenza do Tribunal Supremo que dá a razón a Ence e avala a súa permanencia na ría de Pontevedra até 2073 é para Greenpeace, promotora dun dos recursos presentados perante a Audiencia Nacional contra a prórroga outorgada polo Goberno de Mariano Raxoi, "anacrónica e indignante". Desde a organización ecoloxista cuestionan que "unha concesión preconstitucional, estabelecida durante o franquismo, sexa privilexiada deste xeito grazas a un traxe a medida confeccionado polo ex ministro [Miguel] Arias Cañete e a súa vergoñosa reforma da Lei de Costas en 2013".

Greenpeace non dá aínda a batalla xudicial por perdida e avanza que formulará un recurso de amparo diante do Tribunal Constitucional, ao entender que o alto tribunal "non protexe a esencia do dominio público marítimo-terrestre e a excepcionalidade da súa ocupación", o que o leva a concluír de forma "errónea", aseguran, a inaplicabilidade do artigo 32.1 da Lei de Costas, segundo o cal "unicamente se poderá permitirse a ocupación do dominio público marítimo-terrestre para aquelas actividades ou instalacións que, pola súa natureza, non poidan ter outra localización", cuestión que a pasteira non acreditou.

"O Tribunal Supremo non está a aplicar esa excepcionalidade de ocupación e desvincula a defensa do litoral e a protección ambiental, xustificando a súa decisión exclusivamente nun informe ambiental da Xunta da Galiza", lamentan, a respecto do que consideran unha interpretación "absolutamente restritiva e incompleta" da cuestión, pois cren que "a defensa do litoral vai moito máis alá dun informe ambiental".

Fan alusión tamén aos argumentos esgrimidos pola xuíza Ángeles Huet de Sande, que emitiu un voto particular contrario á sentenza promulgada polos seus compañeiros de sala e alertou de que a prórroga de Ence "vai acabar producindo un sistema transitorio dun século de duración, co impacto potencialmente irreversíbel sobre estes ecosistemas tan delicados".

"Neste sentido chama a atención que a sentenza omita en todo momento o artigo 132 da Constitución española, que sustenta todo o réxime excepcional do dominio público marítimo-terrestre e o que fundamenta a ocupación excepcional do mesmo", apuntan desde Greenpeace.

A directora executiva da organización no Estado español, Eva Saldaña, considera que "a Xustiza con maiúsculas ten que pór as persoas e o planeta primeiro, e máis nun momento de emerxencia climática e crise de biodiversidade", diante do que as ecoloxistas cualifican de "triste ironía" por "entender" o Supremo que "en aras da motivación ambiental é admisíbel que unha papeleira ocupe unha ría durante máis de 100 anos" e que, pola contra, "descoñeza os criterios de protección do litoral que consagra a Constitución española".

"Todo o que rodea o 'caso Ence' cheirou sempre moi mal. Desde a súa privatización pasáronse moitas liñas vermellas, con mudanzas de normativas ad hoc, indignantes portas giratorias protagonizadas polos máis altos cargos de Medio Ambiente e Costas, informes ambientais moi discutíbeis, un incesante greenwashing e mesmo o esquecemento de condenas por delito ecolóxico continuado. Non podemos conformarnos con esta sentenza do Supremo", conclúe o coordinador de Greenpeace na Galiza, Manoel Santos.