As turbinas situaríanse en Dozón, Lalín e Rodeiro

Greenalia tramita tres parques eólicos que atravesarían o Camiño de Santiago

Recreación da poligonal e os aeroxeradores dos parques (Infografía: Nós Diario - Google Maps).
Os parques eólicos Brisa, Céfiro e Galerna, que Greenalia está a tramitar a través do Miteco, situaríanse en medio do Camiño de Inverno e a Vía da Prata. Aliás, nos estudos de impacto ambiental consta a presenza de especies da avifauna vulnerábeis como a tartaraña cincenta, o miñato real ou a gatafornela.

O Boletín Oficial do Estado (BOE) someteu o 15 de xullo a información pública a solicitude de autorización administrativa previa e os estudos de impacto ambiental (EIA) de tres novos parques eólicos que afectarían os concellos de Dozón, Lalín, Rodeiro e O Irixo: Brisa —once aeroxeradores e unha potencia instalada de 61,6 megawatts (MW)—, Céfiro —dez turbinas e 56 MW— e Galerna —outras dez e 56 MW—.

Todos eles están promovidos por Greenalia SA, malia que a través de tres sociedades diferentes, unha cuestión que vén sendo o 'modus operandi' da enerxética galega: Greenalia Wind Power Brisa SLU, Greenalia Wind Power Céfiro SLU e Greenalia Wind Power Galerna SLU. As tres entidades, segundo consta nos seus respectivos anteproxectos, "chegaron a un acordo para compartir a tramitación, construción e explotación das infraestruturas de conexión comúns precisas para a conexión á rede en Silleda [na subestación colectora que reúne a enerxía xerada en diferentes parques da zona]".

De feito, malia contaren os tres parques de Greenalia con cadansúa subestación para recoller a enerxía provinte directamente dos aeroxeradores, esta circulará até Silleda conxuntamente a través da liña de alta tensión do eólico Galerna. Isto non impediu que cada parque fose sometido de forma separada ao EIA —previo á Declaración de Impacto Ambiental (DIA), formulada pola Administración competente, neste caso o Ministerio para a Transición Ecolóxica (Miteco)—, unha práctica frecuente da que veñen alertando nos últimos meses diferentes colectivos ecoloxistas, ao consideraren que non se está a valorar o impacto real da suma de todos os aeroxeradores sobre o medio natural e a propia vida humana e animal. Cómpre salientar que as turbinas de Brisa e Céfiro están a apenas dous quilómetros de distancia, e estas últimas a seis de Galerna.

Muíños no Camiño

Os propios estudos de impacto destes tres parques recoñecen a "severa" afección dos mesmos a dúas rutas do Camiño de Santiago: a Vía da Prata e o Camiño de Inverno. É o caso de Céfiro, que, de se aprobar, situaría dúas turbinas xusto a ambos os lados polos que discorre este último traxecto. Aliás, o parque sería visíbel ao longo de 22 quilómetros de percorrido da Vía da Prata e de 30,7 do Camiño de Inverno.

Debido á elección do emprazamento destes aeroxeradores —un total de 31—, "resulta imposíbel non cruzar os dous camiños", segundo recoñece a empresa no EIA do parque Galerna, que unicamente insta a "minimizar no posíbel a afección".

Mais non só afectaría as e os peregrinos: unha de cada dúas persoas residentes en Lalín padecería un impacto visual "moi alto" das turbinas, que tamén serían perceptíbeis desde diferentes parroquias de Agolada, Dozón, Rodeiro e O Irixo.

Así mesmo, os estudos falan dun impacto acústico elevado nos treitos do Camiño que ficarían atravesados polos muíños: entre 45 e 50 decibelios (dB) —o máximo permitido por lei é de 50 dB en horario nocturno e 55 durante o día—.

Elementos patrimoniais

Decenas de mámoas presentes na contorna padecerían tamén unha afección "severa" como consecuencia da construción e explotación dos parques, así como diferentes castros, un sarcófago, a Igrexa de San Xoán de Veiga e outros elementos do patrimonio cultural. Tamén as aldeas da Veiga, Carballeda, Casares ou Palmaz —entre moitas outras declaradas "de interese"— se verían afectadas.

Especies ameazadas

Nos estudos de impacto detectouse a presenza nas zonas afectadas de senllos exemplares da tartaraña cincenta, unha especie definida como vulnerábel no Catálogo Galego de Especies Ameazadas (CGEA) que nidifica nos terreos que ocuparían os parques, e o miñato real, actualmente en perigo de extinción.

Tamén se tivo constancia de que na contorna habitan outras especies vulnerábeis como a gatafornela, a ra patilonga, a ra vermella ou o lagarto arnal, así como numerosos morcegos. Os estudos recoñecen o perigo que suporían, especialmente para as aves, as numerosas turbinas que se erguerían neste territorio. Contra estes tres parques poderanse presentar alegacións até o 15 de agosto.

Nova solicitude ante o Miteco

Noutra orde, a empresa catalá Automatic Recovery Systems SLU vén de iniciar ante o Miteco os trámites para a construción dun parque eólico, denominado Riós, nos termos municipais de Castrelo de Val, A Gudiña e Riós. Malia que aínda non figura o estudo de impacto ambiental, no documento de inicio constátase que estará composto por 15 turbinas cunha potencia total instalada de 90 MW.

Aliás, o BOE volveu someter a información pública o 15 de xullo os eólicos Badulaque, Barqueiro, Moeche e Santuario, situados na comarca de Ferrolterra, por erros na primeira publicación —o pasado día 7—. Deste modo, amplíase o prazo para presentar alegacións contra todos eles até o vindeiro 15 de agosto. Os catro están promovidos por Enel Green Power, filial de Endesa.