ENTREVISTA A RUBÉN ARROXO

"Grecia é un país destruído, a UE ten que asumir as súas responsabilidades"

Rubén Arroxo no Pireo [Imaxe cedido]

Conversamos co concelleiro do BNG de Lugo, voluntario durante 11 días nun dos campos para persoas refuxiadas do Pireo (Grecia). 

De volta do campo de persoas refuxiadas do Pireo onde estivo como voluntario xunto con Fiz López, Rubén Arroxo debúllanos polo miúdo as condicións nas que se atopan milleiros de persoas. "A UE ten que asumir a súa responsabilidade", asegura perante a incapacidade do goberno grego para facer fronte a esta crise humana. Así as cousas, sinala, malia a escaseza de recursos cos que conta o país "a resposta dun partido de esquerdas como Syriza é inadmisíbel, só hai que ver como se atopa a xente nos campos de detención". 

Após uns días desde que chegastes do Pireo, como valoras a experiencia vivida?
Primeiro cunha clarificación do que é o contexto. Unha cousa é ver o que está a acontecer através da TV e outra palpalo alí cos cinco sentidos. Coñeces as historias que hai detrás desas persoas. Escoitas o que viviron como pasaron de ter unha casa, un coche, unha vida --porque che ensinan as fotos-- a vivir nunha tenda de campaña en condicións inhumanas. 

A resposta dun partido de esquerdas como Syriza é inadmisíbel, só hai que ver como se atopa a xente nos campos de detención

Como son as condicións no campo do Pireo?
Cando chegamos había tres campos no porto, desde a segunda feira só quedan dous. No que estivemos nós baleirárono de maneira drástica. É no que hai máis voluntariado porque tamén é dos de máis fácil acceso. Iso mellora as condicións nas que se atopan as persoas refuxiadas, están máis libres, poden saír, o exército ten presenza mais menor que noutros aínda que ás veces chega a policía e desprégase polo campo. O goberno case non se mete. Aquí as persoas dormen en tendas de campaña. Despois, as vulnerábeis como mulleres grávidas ou doentes de cancro, están en pavillóns que eran antigas infraestruturas portuarias. Así as cousas, é un espazo no que apenas teñen unhas mantas. Aquelas persoas que teñen unha saúde moi fráxil están en pisos de alugar pagados polo voluntariado coas doazóns que van chegando. Nós deixamos alí uns mil euros que recadamos en Lugo cun festival o día antes de viaxar para Grecia. O día que marchamos veu o exército e comezou a distribuír comida en tuppers, un por persoa, mais de moi pouco valor nutricional, ás veces pasta soa. Até ese día, a comida facíaa o voluntariado e provén da axuda que se envía, como fixemos aquí. En todo o porto hai máis de 2 mil persoas aínda que a cifra varía dun día para outro porque a xente móvese moito. Agora tentar facer un censo. 

En todo o porto hai máis de 2 mil persoas aínda que a cifra varía dun día para outro

Traballastes sobre todo con crianzas, como están a vivir esta situación?
Os nenos son nenos, a maioría menores de 10 anos, e non se decatan moito do que acontece. Chocaba que algúns andaban sós, moitos. Non se sabía se tiñan familia ou non. Un dos grandes problemas é que levan moito tempo sen escolarizar, custounos moito mesmo que fixesen unha ringleira, por exemplo. Teñen eivas educativas brutais mais somos conscientes que hai necesidades máis urxentes como a comida, un lugar acaído para dormir e cousas de primeira necesidade. 

Hai información no campo do que lles acontece, por exemplo, cando son deslocadas?
Non saben a onde as levan mais suben aos autobuses porque os ven como unha vía de esperanza. Case o cento por cento das persoas que está nos campos teñen menos de 40 anos, hai moita mocidade, e manteñen unha ilusión moi grande pola abertura das fronteiras e non entenden como esa UE democrática na que pensaban os vai deixar alí. 

Manteñen unha ilusión moi grande pola abertura das fronteiras

Como valoras o papel do goberno grego?
Grecia está na quebra absoluta. Con nada que camiñes polo centro de Atenas ves unha cidade destruída, con todo fechado, imaxina na periferia. No Pireo había manifestacións nazis case todos os días, convocadas por Amencer Dourado, con moito seguimento. O goberno non ten capacidade para dar unha solución mais é inadmisíbel a resposta dun partido de esquerdas como Syriza, só hai que ver como se atopa a xente nos campos de detención". A UE ten que asumir a súa responsabilidade. Coa cantidade de persoas que se atopan en Grecia se cada estado membro cumprise cos compromisos de reasentamento, as condicións nas que se atoparían serían moito mellores.   

Vistes outros campos?
Fiz estivo noutro perto do Pireo e coñecimos unha moza de Lugo que estaba noutro no que actualmente o voluntariado está en greve de fame polas condicións nas que o exército mantén as persoas refuxiadas. Son centros de detención aos que están a levar as persoas do Pireo. Non poden saír, están nunha cárcere coma se fosen campos de concentración dos nazis cando se trata de persoas que fuxen da guerra. 

Se cada estado membro cumprise cos compromisos de reasentamento, as condicións nas que se atoparían serían moito mellores

Que vos marcou máis do vivido?
Cando estás aquí ves as cifras e pensas 'que barbaridade' mais alí chegas e cada historia é impactante. Coñecín un home que a súa cidade foi sitiada polo Daesh. Dábanlle tres opcións, pagar un imposto de miles de euros para marchar, unirse ao Daesh ou matalo. Pagou para poder quedar. Hai xente que estivo no Estado Islámico para sobrevivir e cando puido fuxiu e case todo o mundo ten familiares que foron asasinados. Despois son persoas moi agradecidas, houbo unha nai que me ofrecía a comida que lle daban, que son racións insuficientes, por ter pasado todo o día cos seus fillos. Non a aceptei mais pareceulle moi mal. 

Mudou en algo a túa opinión despois da estadía no Pireo?
Se mudou volvín máis radical na defensa da soberanía dos pobos. Todo o mundo che conta como antes en Siria tiña traballo --as taxas de desemprego eran moi baixas-- había servizos públicos e por algo que non son outra cousa que intereses económicos foráneos tiveron que marchar. É un claro exemplo de imprerialismo. 

Volvín máis radical na defensa da soberanía dos pobos

Temos unha visión nesgada do que está a acontecer?
Eu mesmo tiña unha visión errada. Prexuízos pola maquinaria informativa. Pensei que a xente ía estar menos formada e informada mais teñen un nivel cultural bastante máis elevado do que pensamos, sobre todo as mulleres curdas. Están informados através dos teléfonos móbeis e das redes sociais. Non dan creto ao que está a facer a UE. Porén, decátanse das diferenzas entre os gobernos e os pobos. 

Estades a narrar a vosa experiencia en distintas charlas...
O primeiro foi en Lugo e nos vindeiros días estaremos en Arzúa, Pontevedra, O Courel, A Mariña, Betanzos... Tentaremos trasladar e dar a coñecer o que vimos, o que está pasando.