A familia de Teresa Romero e o Sindicato de Técnicos de Enfermaría confirmaron esta quinta feira (9 de outubro) que a saúde da muller atinxida polo ébola empeorou e que mesmo, "está en grave perigo" a súa vida, após sufrir un fallo respiratorio que obrigou a que for intubada.
A información que trascende do centro hospitalario Carlos III é moi reducida por desexo expreso da propia familia mais tamén das autoridades que se están a facer cargo da crise sanitaria orixinada polo primeiro caso de ébola detectado en Europa. Familiares da doente acudiron este mediodía ao hospital após seren chamad@s de urxencia pol@s profesionais sanitari@s que atenden a Romero.
O Sindicato de Técnicos de Enfermaría confirmaron que Romero está "intubada"
O propio irmán afirmou perante os medios de comunicación desprazados que "non hai grandes esperanzas" de que a auxiliar de enfermaría sobreviva segundo lle transmitiron @s responsábeis do hospital. Porén, todo dependerá do evoluír das vindeiras horas.
Campaña de "criminalización" política e mediática
Ao longo desta xornada sucedéronse as declaracións políticas a respeito do que está a acontecer co primeiro caso de ébola rexistrado no Estado español. Perante as críticas que responsabilizan da infección a unha cadea de neglixencias, algúns representantes do goberno madrileño saíron ao paso acusando á propia auxiliar de ter cometido un "desgrazado erro humano, un accidente" á hora de se retirar o traxe de protección.
O conselleiro de Sanidade, Javier Rodríguez, mesmo manifestou que "para lle explicar a un como se ten que por e quitar un traxe non fai falta facer un master, mais indubidabelmente uns poden ter máis capacidade que outros".
A imprensa española acompaña o discurso político do Partido Popular e apunta desde as súas cabeceiras cara á responsabilidade individual de Romero. Un feito que para algunhas das técnicas de enfermaría do Carlos III supón unha campaña de "criminalización".