Análise

A gran mentira da violencia intrafamiliar

O Goberno de Castela e León aprobará unha nova norma de loita contra a violencia intrafamiliar por esixencia da ultradereita. (Ilustración: Álex Rozados)
Marta Capeáns Outeiro, traballadora social nunha Oficina de Atención a Vítimas no ámbito xudicial, consultora e perita forense, prosegue o foro de análise de 'Nós Diario'.

Din que Vox invade o discurso de investidura de Alfonso Fernández Mañueco, presidente xa. Non interesa entrar en moito detalle en canto ao xeito, modos, e maneiras, porque ser ía ser, si ou si, a toda costa. A partir de agora, pois, temos un Goberno canto menos preocupante e diferente pola composición que ten.

Parece que é un caso estraño o desta comunidade, porque a dereita europea está fuxindo de pactos coa extrema dereita, pero en España sómosche moi así! De innovar e ver que ocorre coa nova receita, e que sexa o que deus queira...

A priori non gusta en ningún país europeo dar cabida e espazo á ultradereita, e, de feito, estase a falar de cordóns que eviten a entrada de dita tendencia, tan en alza, en calquera institución.

Pero non, aquí xa escoitamos con gran preocupación, falar de "violencia intrafamiliar". Para concretar o conto cabe explicar que co Goberno Mañueco, en coalición con Vox, seguirá a lei autonómica contra a violencia de xénero e non dará "ni un paso atrás con respecto a los derechos ya reconocidos", ou iso dixo.

De todas formas, confirmou o presidente que o seu Executivo aprobaría unha nova norma de loita contra a violencia intrafamiliar, por esixencia do partido de ultradereita, cuxa tramitación se iniciará xa antes do 31 de xullo, porque parece ser que "las dos normas son necesarias, son compatibles y son complementarias".

Complementarias?

Realmente saben do que falan cando usan o termo "violencia intrafamiliar"? Non o creo! Para o que realmente serve o 'palabro' é para desviar a atención dun problema que moitos están empeñados en obviar, ignorar e incluso negar a toda costa. Para que? Pois para que nada cambie, penso eu. Porque interesa que todo siga igual...

Se facemos unha análise seria da situación, que poucas se fan, por certo, vemos con claridade que para nada as cousas son como nos queren facer ver, que "non é para tanto", que "o feminismo está esaxerando para dar excesiva visibilidade a algo que non é tal" ou que "as feminazis estanse impoñendo preocupantemente e avanzan sen control". En fin!

O seu é ir a datos concretos e o máis oficiais posible, como o brutal resultado obtido do estudo realizado con 42.000 mulleres de 28 países da UE.
Nunca tal se fixera, intentouse que fose un traballo ambicioso e rigoroso. E conseguiuse!

A violencia en cifras

Deste estudo sacamos as traballadoras sociais, na época de representación colexial, unha serie de argumentos que impactaba cada vez que falabamos de igualdade, da necesidade de cambiar cousas, de protexer ás máis débiles e, a día de hoxe, por fin se fala tamén dos máis débiles, os menores, os nenos vítimas dunha terrible existencia e de violencia vicaria.

Por fin se fala tamén dos máis débiles, os menores, os nenos vítimas dunha terrible existencia de violencia vicaria

Tardouse, e moito, en entender que a necesidade non era teórica, era real. Lembremos aquelas cifras impresionantes:

—O 55% das mulleres maiores de 15 anos sufriu algunha forma de acoso sexual, o que equivale a 100 millóns de mulleres.
—O 43% padeceu algunha forma de violencia psicolóxica por parte da súa actual parella ou dunha anterior. Incluídas nelas humillacións públicas, prohibirlle saír da casa ou ameazala con actos violentos.
—O 22% de mulleres que mantiveron unha relación de parella cun home experimentou violencia física ou sexual por parte deste.
—O 5% das mulleres europeas maiores de 15 anos foi violada. Son 9.000.000 de mulleres, cifra superior a da poboación de Austria ou de Suecia. Ou o que é o mesmo: 1 de cada 20 mulleres foi violada.
—Unha de cada tres mulleres europeas con idades comprendidas entre os 18 e os 74 anos sufriu violencia física ou sexual, 62.000.000 de mulleres, máis que a poboación da nosa veciña Italia.

E agora chega isto: Mañueco, Castela e León, Vox e a súa violencia intrafamiliar, que non ten que ver cunha ideoloxía, nin co heteropatriarcado, nin co desprezo polo xénero de ninguén.

Din que só é violencia, coma todas as violencias, pero que se leva a cabo no interior dun domicilio. Pois vale! Pero a idea xa está aí, en Castela e León, en Murcia, en Andalucía, no Parlamento español... E non parece que vaia desaparecer en breve. As mulleres temos moitos motivos para ocuparnos e preocuparnos.