entrevista | crise dos pellets

Grace O'Sullivan, eurodeputada irlandesa: "A reacción do Goberno galego ante a crise dos pellets foi lamentábel"

Grace O'Sullivan durante a súa visita á Galiza (Foto: Nós Diario).

Grace O'Sullivan, eurodeputada irlandesa, visitou a Galiza este sábado para coñecer de primeira man a crise medioambiental que vive o país por causa dos pellets de plástico. ‘Nós Diario’ conversou con ela acerca da súa opinión sobre o acontecido e as medidas que considera que deberían ser tomadas na Galiza e en Bruxelas.

—Após visitar praias galegas afectadas pola crise dos pellets, como ve a situación?

Estiven en Muros, en diversas praias, e a miña primeira impresión foi de sorpresa mais tamén gratitude por ver a cantidade de persoas voluntarias que están a traballar de forma altruísta para limpar as praias de plásticos. O que puiden ver é que se trata de bólas de plástico que supoñen un problema moi grande xa que foron feitas de materias fósiles que poden deixar unha gran toxicidade na auga.

Esta problemática é enorme para a Galiza e por iso, xunto con Ana Miranda, xa levamos propostas ao Parlamento Europeo para que se coñeza o problema e que se tomen medidas como a revisión deste tipo de transportes mariños de substancias que poden ser potencialmente perigosas para o medio ambiente.

Mais co que fico é coa solidariedade do pobo galego que saca tempo das súas vidas para axudar nunha tarefa tan necesaria como é a limpeza das praias destes pellets ante a impasividade do goberno deste país.

—Fala do goberno galego. Que opinión lle merece a reacción da Xunta da Galiza ante esta crise?

Pareceume unha reacción lamentábel. Que teñan que ser as autoridades locais as que estean a coordinar a limpeza é algo que non se debería aceptar. É verdadeiramente lamentábel.

Outro problema da reacción do goberno galego é que este problema vai afectar tamén fóra de Galiza e mesmo poderemos ver os efectos en Irlanda. É responsabilidade do goberno da Galiza ter a cidadanía informada do que está a acontecer e da información con que dispoñen, algo que se demostrou que non fixeron desde o primeiro momento.

—Cre que se deberían tomar medidas contra a empresa que perdeu a carga dos pellets?

A caída de mercadorías de embarcacións é un problema que acontece a diario. É necesario que as empresas que transportan mercadorías por mar que son potencialmente perigosas sexan responsábeis polos seus accidentes e por tirar ao mar, aínda que sexa accidentalmente, mercadorías.

A eurodeputada, Grace O'Sullivan; a vicepresidenta de Adega, Verónica Toreijos, a eurodeputada Ana Miranda e a alcaldesa de Muros, María Lago (Foto: Nós Diario).

O primeiro que debería facer a empresa e encargarse de, polo menos, pagar a limpeza das praias ou de fornecer persoal para que non teña que ser o pobo quen o faga. Por outra parte, é necesario que recoñezamos que na era de cambio climático que estamos a vivir, os fenómenos metrolóxicos extremos van ser cada vez máis comúns, polo que debemos instaurar regras á hora de transportar mercadorías por mar que actualmente non existen. Tamén sería preciso regular máis a cantidade de plásticos que se lles permite usar ás empresas.

—Cal e o nivel de concienciación entre os Estados europeos do que está a acontecer na Galiza cos pellets?

Hai certos Estados que si que son conscientes do desastre medioambiental que vive o voso país e percibo que a concienciación aumenta cada día. Tamén é certo que hai Estados que ao mellor non coñecen o que está a acontecer.

Insisto en que o importante é que debatamos no Parlamento Europeo sobre as medidas que debemos tomar ante desastres medioambientais e facer que os gobernos sexan responsábeis non só coa súa contorna mais tamén cos seus pobos cando suceden este tipo de acontecementos.