O 1 e o 2 de abril

Gostas do queixo de San Simón? Tes unha cita en Vilalba

[Imaxe: Tarmolán] Queixo San Simón

É o queixo rei da comarca da Terra Chá e esta fin de semana é o protagonista indiscutíbel de Vilalba. O queixo San Simón da Costa atraerá milleiros de persoas o 1 e 2 de abril á XXIII edición da dunha das festas máis populares do país.

Vilalba acolle esta fin de semana a XXIII Festa do queixo de San Simón da Costa con actos que ocuparán a xornada do 1 e do 2 de abril. Este sábado, ás 11h, a festa deu comezo na Praza da Constitución coa apertura ao público do recinto feiral, onde poden desgustarse produtos artesanais e gastronómicos da comarca.

Durante a tarde, as crianzas serán as protagonistas co obradoiro de cociña impartido por Paula, gañadora da cuarta edición do programa televisivo Master Chef Junior. Terá lugar a partir das 16.30h na Praza da Constitución.

O punto álxido deste sábado chegará da man de Pepe Solla, un dos chef da Galiza con maior proxección internacional. O cociñeiro será quen dea lectura ao pregón ás 19h na propia praza. A continuación, será a entrega dos premios do concurso de tapas.

Aliás, ás 20.30h, terá lugar a actuación de Treixadura, no auditorio de Vilalba e con entrada única de 3 euros.

Domingo

O domingo, abrirase o recinto feiral de 10h a 15h. Ás 12h, Antonio Lorenzo, do restaurante A Faragulla, amosará como aplicar o queixo San Simón ás tapas da nova cociña galega.

Posteriormente, o estrela Michelín Iván Domínguez, do restaurante Alborada, será o encargado de facer unha mostra da cociña en vivo.

Queixo San Simón da Costa

A cortiza afumada, de cor amarelo-ocre, é a principal característica dun queixo cuxa pasta presenta unha textura fina, graxa e semidura. A denominación de orixe ampara o queixo elaborado con leite procedente de vacas rubias, pardo-alpinas, frisonas e dos seus cruces.

Comercialízase cunha maduración mínima de 45 días no caso do formato grande e de 30 días no caso do pequeno, coñecido co nome de “bufón”. Ao finalizar a maduración é cando ten lugar o afumado, para o que se emprega madeira de bidueiro.

A zona de produción, tanto do leite enteiro como do queixo, correspóndese coa comarca da Terra Cha, que abrangue os concellos de Vilalba, Abadín, A Pastoriza, Begonte, Castro de Rei, Cospeito, Guitiriz, Muras e Xermade.