MEDIO AMBIENTE

Emerxencia climática: pasos presentes e futuros

[Imaxe: Movemento Galego polo Clima]
O Movemento Galego polo Clima xorde no marco das mobilizacións a nivel internacional que demandan a acción política e social fronte á emerxencia climática. Nace grazas ao traballo común da mocidade dos “Fridays for Future” e do tecido ecoloxista no país, e o 27 de setembro sae ás rúas como parte dunha manifestación polo clima a nivel mundial. Sermos Galiza conversa con integrantes do Movemento sobre o traballo realizado, as estratexias do Goberno e as posíbeis vías a seguir para lle facer fronte ao cambio climático. Eis un extracto da información publicada ao respecto no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza.

Movemento Galego polo Clima é a resposta no país á mobilización internacional que, desde os chamados “Fridays for Future” liderados pola mocidade, reclaman a reacción dos gobernos perante a emerxencia climática, toda vez que apuntan o modelo capitalista vixente como principal responsábel. Os máis de cincuenta colectivos, asociacións ou ONG integradas no Movemento Galego polo Clima saen á rúa o 27 de setembro, data fixada para a Folga Mundial polo Clima de seis días após o Cumio das Nacións Unidas sobre o Clima. Mozos e mozas traballan co tecido ecoloxista galego, aplicando o “pensa global e actúa local”, para amosar o camiño cara á necesaria transición ecolóxica. Denuncian os proxectos extractivistas que penden sobre Galiza, como a mina de Touro‑O Pino, a de Frades‑Mesía e a permanencia de ENCE na ría de Pontevedra.

María Bañón resume a Sermos Galiza como xorde o Movemento: “A xente nova, estudantes dos institutos e universidades, mobilizámonos a partir dos –Fridays for Future–. Entramos en contacto con asociacións e colectivos ecoloxistas que levan décadas traballando. Decatámonos de que precisabamos crear sinerxias tamén co feminismo e cos movementos sociais. Demandamos o mesmo, xustiza climática e xustiza social”.

Os días previos ás manifestacións do 27 organizaron actividades, como charlas formativas que tratan desde o impacto do cambio climático até os incendios e a eucaliptización. O manifesto impulsado polo Movemento Galego polo Clima fai unha crítica “ao modelo de produción e consumo actuais”. Lembra que Galiza forma parte dese “20% da humanidade que emprega o 80% dos recursos do planeta”. Recolle as reivindicacións a nivel internacional: a declaración da “emerxencia climática”, o compromiso “vinculante” dos gobernos ou o descenso das emisións de gases de efecto invernadoiro para impedir que a temperatura do planeta aumente 1,5 graos.

Os colectivos que o subscriben demandan ao Goberno estatal, á Xunta de Galiza, deputacións e gobernos locais dez medidas, que pasan pola redacción dunha Lei de Emerxencia Climática, a mudanza nas políticas forestais, unha mellor “eficiencia no uso da auga” ou unha política agraria “con base en produtos de proximidade e sustentábeis”.

Follas de ruta ante a emerxencia

O Movemento Galego polo Clima xorde coincidindo coa redacción e exposición pública das follas de ruta da Xunta de Galiza ante a emerxencia climática: a Estratexia Galega de Cambio Climático e Enerxía e a Estratexia Galega de Economía Circular. As organizacións ecoloxistas Adega e “Galiza, un Futuro sen Carbón”, integrantes do Movemento Galego polo Clima, presentaron alegacións a ambos. Manoel Santos, de “Galiza, un Futuro sen Carbón”, explica a Sermos Galiza que “a redacción das estratexias é unha obriga que chega da Unión Europea, pero estas deben transformarse en leis”.

 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 365 do semanario en papel Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]