Crise dos pellets

O Goberno vasco mobiliza dous barcos para buscar pellets no mar

O 'Rokillo', un dos barcos mobilizados por Euskadi para buscar pellets, hoxe, en Santurtzi. (Foto: H.Bilbao / Europa Press)
A Xunta abre agora a porta a solicitar tamén medios terrestres do Estado após negalo insistentemente.

Un submarino, once embarcacións, un avión e dous helicópteros son os medios que exixiu ao Goberno español a Xunta da Galiza, logo de insistir en que non necesitaba elevar a nivel 2 a emerxencia pola vertedura de pellets para abrir paso á intervención estatal e dispor así de máis recursos, para atallar os centos de sacos que esparexeu o pasado 8 de decembro un dos colectores caídos do buque Toconao.

E mentres a Xunta porfía en responsabilizar o Estado de que sigan chegando pellets ao seu litoral por mor dos plásticos aínda non interceptados no mar -unha misión, por outra parte, que o propio conselleiro Alfonso Vilares admitiu nunha carta aos concellos o pasado día 4 que "non resulta posíbel" polas súas características e que os traballos "deben ser acometidos unha vez alcanzada a costa"-, debido á falta deses medios que o Executivo central cualificou ironicamente de "carta aos Reis Magos", en Euskadi o Goberno de Iñigo Urkullu xa mobilizou dúas embarcacións para saír á procura de pellets.

Trátase dos barcos Hiru anaiak e Rokillo, con sede en Santurtzi, que xa foron equipados adecuadamente para iniciar o operativo mar adentro e xa están preparados para partir en canto sexa preciso. Por terceiro día consecutivo, a embarcación de Inspección Pesqueira vixila de forma continua, e no caso de que atopase plásticos mobilizaríanse o Hiru anaiak e o Rokillo.

Euskadi dá esta pronta resposta malia que aínda non se confirmou a chegada ás súas praias de pellets procedentes do Toconao, pois si se atopou unha pequena cantidade destes materiais nalgúns puntos da costa vasca, mais as análises efectuadas polo centro tecnolóxico Azti precisaron que non se corresponden cos esparexidos pola Galiza. Tampouco se espera a chegada de "grandes grupos" destes residuos polo menos nos próximos catro días.

Medios terrestres

Por outra parte, a conselleira do Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, deslizou hoxe no Parlamento galego que a Xunta estaría agora aberta a solicitar un reforzo de medios terrestres ao Goberno estatal, malia que nos últimos días insistiu en que a situación non o requiría e que os 200 -ampliábeis até 300- efectivos mobilizados polo Goberno de Alfonso Rueda abondaban para limpar 1.500 quilómetros de costa.