O Goberno valora estender o estado de alarma máis de 15 días e con medidas máis severas

O ministro José Luis Ábalos admite en público este escenario, que requiriría do permiso do Congreso.

O Goberno dá por sentado que o estado de alarma decretado o sábado terá unha duración superior aos 15 días inicialmente establecidos e que, debido ao observado até o de agora, poden ser necesarias medidas aínda máis severas que as xa aplicadas. O ministro de Transporte, José Luis Ábalos, admitiu esta segunda feira publicamente este novo escenario.

Ábalos recoñeceu que dúas semanas non serán abondo para frear o crecemento exponencial do coronavirus no Estado español. "É evidente que haberá que estender esta situación, veremos con que medidas, pero en 15 días non creo que sexamos capaces de gañar esta batalla", admitiu nunha entrevista en RNE.

Para ampliar a duración do estado de alarma, o Goberno español  necesitará a aprobación do Congreso das e dos deputados, que tería que validar unha prórroga cun voto en sesión plenaria, que, tendo en conta as circunstancias, agárdase que se realice de forma telemática.

Polo momento, esta segunda feira Pedro Sánchez iniciará unha rolda de conversas cos partidos da oposición. Nestas chamadasquere informarlles da situación do coronavirus e pedirlles apoio para calquera nova medida que poida haber.

Tamén o ministro do Interior, Fernando Grande-Marlaska, non desbotou endurecer as restricións que implica o estado de alarma nos próximos días.