Galiza poderá usar instalacións e recursos da sanidade privada

Comparecencia dos ministros de Sanidade, Defensa, Interior e Transportes.

O Goberno español faculta as comunidades para intervir recursos da sanidade privada. Quen dispoña de material sanitario específico está obrigado a comunicalo nun prazo de 48 horas. Defensa anuncia o despregamento do exército español en varias cidades.

Salvador Illa, ministro de Sanidade, compareceu na noite do domingo canda outros tres ministros (Interior, Defensa e Transportes) para comunicar unha nova serie de medidas no marco do estado de alarma decretado polo coronavirus. Así, anunciou que o Goberno pon á súa disposición a sanidade privada, apelando ás competencias outorgadas polo decreto publicado na noite do sábado que declara o estado de alarma. A orde polo de agora obriga os centros sanitarios privados a poñer a disposición dos servizos sanitarios dos gobernos autonómicos os espazos e persoal que se lle requira.

A orde tamén prevé a prórroga de médicos residentes (MIR) no último ano de especialidades como xeriatría, medicina de traballo, intensiva, interna, preventiva, pulmonoloxía, radiodiagnóstico e parasitoloxía, entre outras. O Ministerio tamén autoriza a contratación de persoas con grado pero sen título de especialista nos casos en que pasaron o MIR sen obter praza ou se obtiveron un título de especialista fóra da Unión Europea e están en proceso de ser recoñecidos cunha avaliación favorábel.

Así mesmo, a Illa instou a todas as empresas do sector farmacéutico e persoas físicas ou xurídicas que dispoñan do equipamento médico necesario para conter a actual pandemia de coronavirus Covid-19, principalmente máscaras e xeles hidroalcohólicos, ou a capacidade para producilas, para informar ao Ministerio nun prazo máximo de 48 horas.

Canda Illa, a ministra de Defensa, Margarita Robles, anunciou o despregamento do exército en varias cidades e o ministro do Interior, Fernando Grande Marlaska, quen destacou a normalidade que se produciu nas rúas en todo o Estado no primeiro día de confinamento forzado. O ministro deu como exemplo a diminución do 61% no volume de tráfico nos accesos a Madrid ás 19:00 horas do domingo en comparación cunha semana antes.

Pola súa banda, o ministro de Transportes, José Luis Ábalos, sinalou que a oferta de transporte público redúcese en todo o Estado até 50%, agás os servizos de proximidade de Renfe, onde dependerá da necesidade que determine a Administración.