O Goberno de Sánchez "acelerará" a autorización de parques eólicos en "áreas con pouco impacto ambiental"

A ministra de Transición Ecolóxica, Teresa Ribera. (Foto: Europa Press)

Agora mesmo están á espera da autorización chegada de Madrid os proxectos eólicos de Borrasca, en Foz, Lourenza e Mondoñedo; Boibela, no Incio e a Pobra de Brollón; Fonte de Barreiros, en Barreiros e Ribadeo, Ruliña en Abadín e Cospeito; e A Pastoriza, en Ventisca  Meira e A Pastoriza.

O Goberno español, no contexto do plan estatal contra a crise aprobado nesta terza feira polo Consello de Ministras, "acelerará" a autorización e tramitación de parques eólicos en "áreas de pouco impacto ambiental".

Así o explicou a vicepresidenta cuarta e ministra de Transición Ecolóxica (Miteco), Teresa Ribera, na rolda de prensa na que, xunto coas tamén vicepresidentas Nadia Calviño e Yolanda Díaz, presentou as medidas que o Executivo estatal implementará en materia ambiental para facer fronte á espiral alcista dos prezos da enerxía.

Precisamente, unha das medidas anunciadas por Ribera é a facilitación da tramitación de proxectos eólicos cunha potencia igual ou inferior a 75 megawatts (mW), en "áreas de pouco impacto ambiental", e que non conten con sistemas de evacuación ou de cables nunha distancia superior aos 15 quilómetros.

A falta de que o Boletín Oficial do Estado (BOE) recolla máis polo miúdo a proposta, a ministra do Miteco non especificou en ningún momento que entende o Goberno español por "áreas de pouco impacto ambiental", nin tampouco que proxectos se atopan actualmente á espera dunha resposta do Executivo que, coa nova disposición, podería ser positiva.

Posíbeis casos na Galiza

No que se refire á Galiza, hai varios proxectos que se atopan actualmente na fase de tramitación da autorización a través da vía do Ministerio de Transición Ecolóxica. Algúns deles incluso contan con informes negativos da Xunta.

Entre outros, agora mesmo están á espera da autorización chegada de Madrid os proxectos eólicos de Borrasca, en Foz, Lourenza e Mondoñedo; Boibela, no Incio e a Pobra de Brollón; Fonte de Barreiros, en Barreiros e Ribadeo, Ruliña en Abadín e Cospeito; e A Pastoriza, en Ventisca  Meira e A Pastoriza.

Política eólica do Estado español

A última medida do Estado español en materia eólica para favorecer o auxe de proxectos e fomentar a "burbulla eólica" súmase ao incumprimento da súa propia lexislación neste ámbito, como no caso da moratoria á eólica mariña, que o Executivo obviou á hora de tramitar o proxecto de parque eólico Nordés, fronte a Ferrol e A Coruña.

"O desenvolvemento da enerxía eólica mariña no Estado español carece dunha planificación propia. Só o real decreto 1028/2007 estabelece os requisitos administrativos, mais non existe unha regulamentación sectorial propia que fixe as áreas aptas, as condicións de desenvolvemento, ou os criterios de exclusión. Unicamente no POEM (Plano de Ordenamento do Espazo Marítimo), aínda en tramitación, hai referencias, entre moitas outras actividades, ao desenvolvemento da eólica mariña", lamentou Adega a comezos de febreiro, despois de coñecer a tramitación por parte do Goberno de Pedro Sánchez.