As alumnas con regras dolorosas poderán faltar ás aulas

O Goberno estatal avoga por replicar no ensino a baixa laboral por dismenorrea. (Foto: Europa Press)
Así o estabelece a Estratexia de Mocidade 2022-2030, presentada esta quinta feira, que tamén sinala que tres de cada catro mozas sofren dismenorrea.

A Estratexia de Mocidade 2022-2030 (EJ2030, en castelán), aprobada a pasada terza feira polo Goberno estatal en Consello de Ministras e presentada esta quinta, inclúe que se respecte a ausencia ás aulas das alumnas por regras dolorosas, en liña coas baixas laborais por saúde menstrual que se incluíron na reforma da Lei do aborto.

Así o avanzou a directora xeral do Instituto da Mocidade de España (Injuve), María Teresa Pérez, durante a presentación da Estratexia da Mocidade 2030, que decorreu na sede do Ministerio de Dereitos Sociais e Axenda 2030.

"Queremos seguir avanzando nesa liña, e tal como demandou a sociedade civil xuvenil incluímos nesta Estratexia que se respecte tamén no eido educativo a ausencia por regras dolorosas, é dicir, que se estás con moita dor, mareos, náuseas, vómitos ou mesmo desmaios, é evidente que non podes concentrarte nin atender na aula, así que debes poder quedar na casa no canto de ir ao instituto ou á universidade, e esa ausencia non pode supor ningún tipo de castigo ou prexuízo académico", subliñou.

Segundo especifica o documento, a dismenorrea —menstruación difícil e dolorosa— constitúe "un factor estrutural de discriminación por canto, en diferentes medidas, incapacita as mulleres que a sofren para afrontar distintas situacións nas súas vidas, desde o traballo diario a problemas sobrevidos, debido aos graves efectos físicos que conleva".

Tres de cada catro mozas sofren dismenorrea

As mulleres novas que sofren dismenorrea son 73% e, de forma severa, 9% —datos de 2017 recollidos na Estratexia— afectando especialmente un número notábel de adolescentes, sendo o seu problema xinecolóxico máis frecuente.

Neste senso, cita tamén datos dun estudo realizado a 1.628 adolescentes de Barcelona de 14 a 19 anos, no que se observou que 81% sufría dismenorrea, que aumentaba coa idade de forma significativa —pasaba de 68% aos 14 anos a 92% aos 19—.

Nova Lei do Aborto

No que atinxe á saúde menstrual, a nova Lei do Aborto recolle, alén da xa anunciada baixa laboral específica para as mulleres que teñan regras moi dolorosas e incapacitantes, que nos institutos, prisións, centros da muller, centros cívicos ou centros sociais, se repartirán gratuitamente produtos de saúde menstrual, como tampóns, compresas ou copa menstrual, co obxectivo de acabar coa pobreza menstrual.