Como solicitar o bono de alugueiro para a mocidade?

Convocar as axudas é competencia da Xunta da Galiza, afirman desde o Goberno estatal. (Foto: Europa Press)
O Goberno estatal afirma ter transferido á Xunta os 23 millóns de euros que permitirán levar a cabo este paquete de axudas e insta a "convocalas xa".
  1. Quen pode solicitar o bono de aluguer?
  2. Aplícase a todas as persoas conviventes nunha mesma vivenda?
  3. Cal é a contía do bono?
  4. É compatíbel con outras axudas?

O delegado do Goberno estatal na Galiza, José Miñóns, urxiu esta segunda feira a Xunta a "que convoque xa" as axudas do Bono de Alugueiro Mozo, para as que o Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana (Mitma) xa lle transferiu 23 millóns de euros.

Este bono, precisou, permitirá a 3.800 mozos e mozas galegas acceder a unha axuda de 3.000 euros este ano e outros tantos en 2023. O delegado lembrou que o Mitma notificou esta transferencia ao Goberno galego, polo que lle reclamou á Xunta "que convoque xa estas axudas para facilitar o acceso da mocidade galega a unha vivenda digna".

"Este Goberno traballa para que a vivenda sexa un verdadeiro dereito, máis aínda para os mozos e tamén nos municipios do rural", subliñou Miñóns. O representante gobernativo tamén incidiu en que os "os alcaldes e alcaldesas son esenciais para que o plan de recuperación chegue á cidadanía e se execute até o último euro".

Quen pode solicitar o bono de aluguer?

As persoas beneficiarias que poderán solicitar esta axuda son aquelas con entre 18 e 35 anos de idade, e cun contrato de traballo que non lle xere uns ingresos superioes aos 24.318,84 euros anuais. Esta contía corresponde a tres veces o indicador público de renda de efectos múltiples (IPREM), malia que o Executivo estuda subir ese limiar a catro veces o IPREM —32.415,12 euros—.  Aliás, a moza ou mozo solicitante deberá estar empadronado no domicilio para cuxo arrendamento pide a subvención.

Aplícase a todas as persoas conviventes nunha mesma vivenda?

Non, o bono aplicarase a cada persoa moza e non a cada vivenda. O límite de ingresos calcúlase como renda de fogar: todas as persoas que residen habitualmente no piso que está arrendado, figuren ou non no contrato, serán tidas en conta. Porén, existe a posibilidade de regular algunhas excepcións.

Cal é a contía do bono?

As persoas ás que se lles conceda esta axuda percibirán un máximo de 250 euros mensuais, que deberán destinar obrigatoriamente ao pagamento do aluguer. Se unha persoa paga 200 euros de renda mensual, ese será o tope que poderá percibir. O Goberno estatal estima que este bono poderá beneficiar até 70.000 persoas no conxunto do Estado.

Aliás, o custo máximo da renda mensual da vivenda non poderá superar os 600 euros, xa que o Goberno entende que se alguén pode pagar unha contía maior non é vulnerábel ante os prezos do aluguer.

É compatíbel con outras axudas?

Malia que nun primeiro intre o Executivo estatal fechara a porta á compatibilidade desta subvención con outras ofrecidas polos gobernos territoriais, o decreto regula algúns casos nos que si sería posíbel compatibilizala. Así, poderá percibirse á vez que outras prestacións non contributivas á Seguridade Social. Tamén se pode compaxinar co Ingreso Mínimo Vital (IMV), e a Galiza podería habilitar un réxime especial para inquilinos e inquilinas especialmente vulnerábeis.