O Goberno estatal elude responder ao BNG sobre a produción da vacina rusa

Vacina rusa Sputnik V. (Foto: Ashraf Amra / APA).
Ofrece unha resposta sucinta e pouco concreta a unha pregunta formulada por Néstor Rego.

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, rexistrou o pasado 10 de marzo unha pregunta ao Goberno do Estado sobre a posibilidade de fabricar a vacina rusa Sputnik V na Galiza.

A resposta chegou por escrito esta segunda feira, 19 de abril, nunha misiva na que o Executivo desbotou ofrecer informacións concretas e remitiu o congresista á Comisión Mixta Intergubernamental hispano-rusa de cooperación económica e industrial celebrada a finais de febreiro.

"O Goberno ruso amosou a súa dispoñibilidade a cooperar tanto na investigación como na produción da vacina Sputnik V, informando de que as autoridades rusas xa presentaran a solicitude de rexistro da vacina ante a Unión Europea", expón o documento, ao que tivo acceso Nós Diario.

No citado encontro bilateral incluírase esta cuestión a petición dos dous grupos galegos interesados en producir a vacina, Zendal e IberAtlantic. O director executivo desta última compañía e cónsul honorario de Rusia na Galiza, Pedro Mouriño, denunciou recentemente neste xornal a "falta de interese" e de "iniciativa" da Xunta e do Goberno estatal nesta cuestión.

Cómpre lembrar que o Executivo ruso escollera IberAtlantic para producir os viais para o Estado español e Portugal.

Liberar as patentes

Por outra banda, o BNG instou na terza feira o Goberno estatal a apoiar ante a Organización Mundial do Comercio (OMC) a petición da India e Suráfrica de suprimir todas as patentes sobre as vacinas da Covid mentres dure a pandemia.

"É preciso activar todos os mecanismos que permitan unha produción masiva de vacinas, garantindo que a poboación mundial teña acceso a produtos médicos contra a Covid e salvar o maior número de vidas humanas posíbel", incidiu Rego, que denunciou a "opacidade" imperante neste proceso.