O Goberno español podería permitir que os maltratadores condenados visiten súas crianzas

Trátase dun borrador que acompaña o anteproxecto de lei de custodia compartida.

 

Segundo publica o xornal español El País o executivo de Mariano Rajoy está a traballar nunha reforma legal --que acompaña o anteproxecto de lei de custodia compartida-- que permitiría un réxime de visitas para aqueles maltratadores condeados por unha sentenza firme. 

Trataríase, segundo avanza o rotatio madrileño, do estabelecemento dun "réxime de estancia, relación e comunicación" de o consideraren xudicialmente beneficioso para a crianza mais con carácter excepcional, apunta o documento que, en todo caso, recolle a prohibición de conceder a garda e custodia d@s menores --nen individual nen partillada-- no caso de separación ou divorcio. 

O ministro de xustiza español, Rafael Catalá, asegurou que polo de agora "non semella razoábel" esta medida. Neste senso, sinalou que "non hai ningunha decisión ao respeito", embora recoñecer que están a estudar o borrador. 

Xustiza di que "non hai ningunha decisión ao respeito" mais recoñece que está a estudar o borrador

A medida desoe o mandato das Nacións Unidas

Ora ben, o seu estudo desoe as recomendacións feitas polo Comité para a eliminación de todas as formas de discriminación contra as mulleres. Hai 6 meses as Nacións Unidas instaron o Estado español a adoptar medidas urxentes logo do acontecido en 2003, cando o ex-marido de Ángeles González asasinou a crianza de ambos. 

Malia a trintena de denuncias presentadas a xustiza española concedeulle a custodia compartida e sen vixianza ao seu agresor. Nunha das visitas, o agresor asasinou a crianza de ambos.  Após 11 anos entre instancias xudiciais e logo de acudir ás Nacións Unidas, un tribunal internacional deu a razón a Ángela González e condenou o Estado por un delito de neglixencia. 

Desde a ONU daban 6 meses ao goberno español para comunicar as medidas que o estado adoptará para que sexan tidos en conta os antecedentes de violencia machista na concesión de custodias. Así as cousas, o executivo valora manter o réxime de visitas. 

Profesionais na materia rexeitan a proposta e mesmo aseguran que debería existir unha "privación inmediata" do contacto entre os maltratadores e as súas crianzas pois tenden a ser empregadas para danar as mulleres.