O Goberno español limita os tratamentos de fertilidade a ''parellas formadas por un home e unha muller''

[Imaxe: SG]

Así o dispón a proposta para a prestación de reprodución asistida que o ministerio de Sanidade vén de enviar aos territorios. O departamento de Ana Mato nega que esta decisión, que veta os tratamentos a lesbianas e mulleres que queiran ser nais en solitario, fose tomada por motivos ideolóxicos e di que é para "priorizar".


"Parellas integradas por un home e unha muller" e sempre e cando medien problemas de fertilidade.

É a única situación en que o Goberno español vai atorizar de aquí en diante os tratamentos de reprodución asistida (inseminación artificial ou fecundación in vitro, por exemplo), tratamentos que ficarán vetados para as lesbianas e para as mulleres que decidan ser nais en solitario. 

Para ''priorizar''

A nova medida aparece recollida na proposta que o ministerio de Sanidade que dirixe Ana Mato vén de enviar aos distintos territorios. Malia a evidente discriminación que supón esta exclusión, Mato asegura que non se realiza por razóns ideolóxicas senón para "priorizar" e atender as pacientes "estritamente" en función de "criterios terapéuticos e preventivos".

Por isto, permitirá que os territorios que queiran seguir dando cobertura a estes tratamentos de maneira universal poderán seguir facéndoo, sempre e cando demostren que teñen recursos. Unha condición difícil de acatar dada a vaga de recortes emprendida desde Madrid. 

Había territorios que xa vetaban lesbianas e nais soas

Un RD aprobado en 2006 sinala a día de hoxe que a sanidade pública unicamente financiará a prestación en casos de esterilidade diagnosticada ou perante unha "indicación clínica". Así, Euskal Herria ou Baleares cubrían o tratamento de mulleres que decidiran ser nai en solitario e o das mulleres lesbianas xa que, aínda sen seren estériles, unha non pode enxendrar a crianza da outra.

Noutros territorios como Catalunya, Murcia ou Asturias non se finanzaban tales tratamentos ao argumentar que nunha parella de mulleres non se cumpre o requisito de que un dos membros (pensando sempre no home) sexa estéril.

No pano de fondo, a idea de 'familia' da Igrexa e do PP

Segundo a proposta para a prestación de reprodución asistida que vén de facer pública o diario español El País e que se presentará na vindeira terza feira no Consello Interterritorial de Sanidade, hai máis requisitos: na parella heterosexual a muller non pode ser maior de 40 anos, ou 38 se a inseminación artificial se fai con seme do seu compañeiro, que non superará os 50. Aliás, non poderán ter en común ningunha crianza que non padeza enfermidades. A esterilización voluntaria (vasectomía ou ligadura de trompas) é tamén motivo de exclusión destes tratamentos. 

O documento achega unha definición da esterilidade: "a asusencia de consecución de embarazo após 12 meses de relacións sexuais con coito vaxinal e sen o emprego de métodos anticonceptivos". É dicir, o Ministerio de Sanidade quere obrigar ás mulleres a manteren relacións sexuais con homes si ou si se queren ser nais. Riba da mesa máis unha vez, a idea machista e heteropatriarcal que a dereita española ten da familia: "a unión dun home e dunha muller".