O Goberno español investiga Naturgy e Iberdrola polo baleirado dos encoros galegos

Imaxe do río, con moi pouca auga, no cauce por debaixo do encoro. (Foto: Ecoloxistas en Acción)
O Ministerio de Transición Ecolóxica vén de abrir expedientes informativos ás dúas multinacionais eléctricas polo aproveitamento das presas de Belesar, Portas, Cenza e Salas, pois poderían estar a incumprir o caudal ecolóxico fixado por lei. Ecoloxistas en Acción denunciaba esta mesma cuarta feira as dúbidas sobre a auga que se estaba a soltar no Salas.

Despois das denuncias chegadas desde colectivos ecoloxistas e cidadáns, o Ministerio para a Transición Ecolóxica vén de tomar nota e abriu expedientes informativos ás eléctricas Iberdrola e Naturgy para investigar se están a actuar de forma ilegal nos encoros galegos de Portas, Cenza, Salas e Belesar. As informacións que transcenderon aluden á posibilidade de que as empresas estean a imcumprir o caudal ecolóxico obrigatorio para que se manteña a fauna e a flora nas concas máis abaixo das presas.

A Confederación Hidrográfica do Miño-Sil foi a que confirmou esta quinta feira o inicio das investigacións, toda vez que entidades como Ecoloxistas en Acción denunciaban estes días que detectaban caudais demasiado baixos en lugares como o río Salas.

A administración explicou que, polo de agora, só se iniciaron trámites para os expedientes informativos co obxectivo de recabar datos e controlar como se está a realizar o aproveitamento da auga galega na conca Miño-Sil.

En caso de que se detecten incumprimentos nese caudal ecolóxico que está estabelecido por lei quer Naturgy, quer Iberdrola poderían enfrontarse a expedientes sancionadores.

Esta información transcendeu de forma pública despois dunha reunión do secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, con representantes dos concellos prexudicados polo baleirado da presa de Ricobayo, na Confederación do Douro. No encontro tamén se aludiu á situación galega.

Despois de comprobar que a cota de Ricobayo quedou por debaixo do 10%, desde o organismo de conca alértase de que no país van estar "híper vixiantes aos datos" que rexistra o centro de control para determinar o que está a acontecer nas catro infraestruturas, pois pode implicar un dano para os hábitats dos ríos nos que existen as concesións.

Polo de agora, Morán xa asumiu que pode existir unha "mala praxis de Iberdrola" noutros territorios.

Ademais, dáse a circunstancia de que o presidente do organismo galego, José Antonio Quiroga, recoñecera que tiñan rexistrado “unha turbinaxe excesiva para aumentar a produción hidroeléctrica” atendendo só a criterios “economicistas”. Falaba, en concreto, do acontecido nas centrais instaladas en Portas e Cenza.

Porén, esta cuarta feira Ecoloxistas en Acción alertaba dunha posíbel falta de “responsabilidade” e “ilegalidade” por parte de Naturgy no encoro de Salas, para o que demandarían información concreta.