O Goberno español contactará con empresas privadas para achegarse ao 'Vila de Pitanxo'

María José de Pazo, voceira e dos familiares e filla dun dos mariñeiros desaparecidos (Beatriz Ciscar/Europa Press)

O director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez Quintanilla, comunicou a decisión do Goberno español de non enviar medios propios ao mar de Terranova co obxectivo de intentar achegarse ao 'Vila de Pitanxo', a uns mil metros de profundidade, debido ás complicacións técnicas.

Porén, Núñez Quintanilla matizou que o Estado buscará alternativas privadas con empresas especializadas neste tipo de traballos.

Fíxoo após reunirse durante tres horas cos familiares dos 12 mariñeiros que aínda continúan desaparecidos tras o naufraxio do pesqueiro de Marín a pasada semana. Dita reunión foi unha petición dos familiares ao presidente do Goberno español, Pedro Sánchez.

A Mariña Mercante di que os medios cos que conta actualmente "non valen para traballar na zona", por cuestións como a "altura da onda" ou a "profundidade á que se pode operar", que fan "inviábel" unha operación deste tipo para o Estado español.

As familias, "disgustadas" 

A voceira dos familiares dos desaparecidos e filla dun deles, María José de Pazo afirmou que as familias están "disgustadas" ante a negativa do Goberno a enviar medios, mais sinala que agora vanse buscar "medios alternativos para ir ao buque e acceder a el".

As familias acudiron á reunión cunha lista de peticións e exixencias ao Estado. Piden que se estuden as condicións de traballo existentes, xa que denuncian o "incumprimento de varias medidas de seguridade".

Por unha parte, fan mención ao surto de coronavirus que tivo lugar entre unha parte da poboación nas semanas anteriores ao fatídico sinistro.

Polo outra instan a que se determinen as capturas existentes para coñecer o peso do buque no momento do afundimento. Tamén defenden que se produciu un "icumprimento do estabelecido nas normas" co feito de que o Sistema Automático de Identificación (AIS) mostrase como última posición coñecida a do 26 de de xaneiro.

Prosegue a investigación

O delegado do Goberno español na Galiza, José Miñóns, quen tamén acudiu á reunión co director xeral da Mariña Mercante, detallou os primeiros avances da investigación. Polo de agora , o Estado recolleu información sobre o barco, armador, tripulación, ademais de datos cos que conta o Goberno canadense.

Na videnra semana, comezará unha segunda fase, a da toma e declaracións a sobreviventes e persoal relacionado, para "coñecer o ocorrido". Tras isto, elaborarase un informe, cun prazo máximo dun ano, aínda que Miñóns sinalou que "se pode ser canto antes, mellor".

En canto á declaración de falecemento dos doce mariñeiros desaparecidos, sinalou que "xa se pode iniciar", xa que o Estado abriu unha "ventá de xeito excepcional" para que as familias non teñan que agardar os 90 días ordinarios.