O Goberno español desbota comparecer na investigación por verteduras en Redondela

Instalacións de Aucosa de Redondela. (Foto: Nós Diario)
Tanto a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón como entidades veciñais de Chapela e Cedeira, no concello de Redondela instaron as administracións a que colaborasen coa xustiza en relación para esclarecer o presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

O Goberno español desbotou esta segunda feira comparecer no procedemento aberto de dilixencias contra Aucosa, por verteduras na planta da compañía en Redondela.

As verteduras foron denunciadas pola Fiscalía, e o proceso de dilixencias é o paso previo a que comece a investigación do presunto delito medioambiental.

En resposta a unha pregunta por escrito do deputado de Unidas Podemos Antón Gómez-Reino, o Executivo estatal expuxo que, de acordo cos artigos 6.4 e 43 da Lei 42/2007, do 13 de decembro, do Patrimonio Natural e da Biodiversidade, e ao quedar acreditada a existencia de continuidade ecolóxica do ecosistema mariño co espazo natural terrestre obxecto de protección, "a administración competente para a xestión da Zona Especial de Conservación ( ZEC) Enseada de San Simón é a Xunta da Galiza".

Desta maneira, a Dirección Xeral de Biodiversidade, Bosques e  Desertificación do Ministerio para a Transición Ecolóxica descartou definitivamente comparecer nas dilixencias previas.

Petición de colaboración

Tanto a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón como entidades veciñais de Chapela e Cedeira, no concello de Redondela instaron as administracións a que colaborasen coa xustiza en relación para esclarecer o presunto delito contra os recursos naturais e o medio ambiente.

Estas entidades explicaban que o Ministerio público formulou denuncia por vía penal, e o Xulgado de Instrución 2 de Redondela abriu dilixencias previas de investigación.

Neste procedemento presentáronse xa informes policiais,  analísticos de verteduras e un estudo pericial sobre as supostas irregularidades da empresa, que se dedica á fabricación de aceites e fariñas de peixe.

Ese informe pericial conclúe que a autorización municipal de vertedura a  Aucosa vulnera a normativa sobre saneamento e depuración de augas residuais e que, entre outras irregularidades, as medicións realizadas por un laboratorio para a empresa exclúen a existencia de nitróxeno nítrico de forma sistemática, a pesar de que é un parámetro crítico de control obrigatorio polo seu elevado potencial contaminante.