Varias asociacións veciñais e a Plataforma en Defensa da Enseada de San Simón insisten en que non pararán até acadar a "paralización da actividade" de Aucosa en Redondela, despois de que un xulgado de Vigo paralizase unha licenza de ampliación das instalacións, aprobada polo Concello de Redondela e co visto favorábel.
O presidente da asociación veciñal do barrio de Chapela, Marcial Pérez, asegurou a Europa Press que a veciñanza leva "30 anos de loita" contra a actividade da compañía, dedicada á elaboración de fariñas e aceites a partir de peixes.
O pasado 10 de febreiro, o xulgado do Contencioso Administrativa número 2 de Vigo anulou tanto a licencia de ampliación das instalacións como a modificación da mesma, xa que entende que as obras non se axustan á legalidade urbanística e agravarían a situación de incompatibilidade co planeamento que xa ten actualmente Aucosa.
Na sentenza, o maxistrado tamén sinala a "sorpresa" de que a Xunta, a través da dirección xeral de Ordenamento do Territorio e Urbanismo, aprobase as obras. O tribunal recoñece que o Goberno galego adoita aprobar a demolición "de calquera caseto aínda que invada parcialmente este espazo. Porén, no presente caso, minimízase a actuación licenciada e resólvese en sentido contrario".
Postura do Concello
Polo de agora, as asociacións e colectivos xa lle trasladaron á alcaldesa de Redondela, Digna Rivas, o desexo de que "se posicione a carón da veciñanza, e non dunha empresa", e de que o Concello non recorra a sentenza.
"Se se deron as licenzas en base a informes técnicos, que agora o xuíz desacreditou, non recorrer a sentenza é xa unha cuestión de vontade política", afirmou Marcial Pérez.
Neste sentido, tamén pretenden promover un debate plenario para que todos os grupos da corporación mostren a súa postura e apoien a defensa da contorna da illa de San Simón.
O presidente da asociación veciñal de Chapela concluíu que a sentenza, sendo un "triunfo", é "só o principio".