Naufraxio dun pesqueiro galego en Terranova

O Goberno español afirma "facer todo o posíbel" para descubrir que lle ocorreu ao 'Vila de Pitanxo'

Intervención de José Manuel Albares no Congreso. (Foto: Europa Press)
Prosegue por aire e mar a busca dos once mariñeiros aínda desaparecidos. 

O ministro español de Asuntos Exteriores, Unión Europea (UE) e Cooperación, José Manuel Albares, afirmou no Congreso que o Goberno está a "facer todo o posíbel" para esclarecer o motivo do naufraxio do pesqueiro de Marín 'Vila de Pitanxo'.

Ao mesmo tempo que proseguen os traballos de procura e salvamento dos 11 mariñeiros desaparecidos nas augas de Terranova, o ministro sinalou que están en contacto coa embaixada española no Canadá para "ofrecerlle ás familias todos os detalles".

Fontes do Ministerio de Exteriores explicaron a Europa Press que tanto a Embaixada de España en Ottaa como o cónsul xeral do Estado español en Montreal manteñen "un contacto permanente e constante coas autoridades do Canadá".

Precisamente, o cónsul desprazouse até Saint John de Terranova para "manter contacto directo coas autoridades de salvamento, prestar asistencia consular e manter informadas ás familias das vítimas".

Labores de procura dos desaparecidos

O Joint Rescue Coordination Centre Halifax (JRCC Halifax) do Canadá coordina os labores de busca que aínda proseguen na zona do caladoiro pesqueiro de Terranova na que naufragou esta terza feira o 'Vila de Pitanxo'. Até o de agora foron atopados tres tripulantes con vida e dez falecidos, mentres os servizos de salvamento seguen á procura das outras dez persoas desaparecidas.

Segundo confirmaron nas últimas horas fontes da Central de Salvamento Marítimo a Nós Diario, están despregados na zona un avión, dous helicópteros, unha fragata, un buque con bandeira canadense —Nexus—, dous pesqueiros portugueses —'Novo Virgem da Barca' e 'Franca Morte'— e un galego —'Praia Menduíña 2'—.

A bordo do 'Praia Menduíña 2', aliás, están os tres mariñeiros rescatados, ao igual que seis dos dez corpos atopados até o momento. Os outros catro repousan no 'Nexus' —dous—, o 'Novo Virgem da Barca' —un— e o 'Franca Morte' —un—, á espera de recibir novas ordes das autoridades.

As baixas temperaturas condicionan os labores de busca. Hoxe o Gran Banco de Terranova rexistra -7ºC e a sensación térmica pode chegar aos -17ºC. Ademais, os refachos de vento superan os 70 quilómetros por hora e as ondas alcanzan os cinco metros de altura.