O coronavirus require máis información técnica, educación sanitaria e prevención

O Sergas realizou probas de laboratorio a máis de 160 persoas, das cales tres deron positivo e outras tantas están pendentes de resultado (Europa Press).
Hoxe reúnese o comité central de seguridade e saúde laboral do Sergas. Organizacións sindicais e a Plataforma SOS Sanidade Pública avalían, ás portas de coñecer máis detalles, a situación sanitaria ante a presenza de Coronavirus na Galiza.

Dous días despois do primeiro positivo de COVID-19 na Galiza, o Servizo Galego de Saúde convocou de urxencia, hoxe, sexta feira, o comité de seguridade e saúde laboral central ao que están chamadas as organizacións sindicais canda a responsábeis de Saúde Pública, a xefa de servizo de Saúde Laboral e a propia xerencia do Sergas para dar a coñecer a evolución do coronavirus e posta en marcha dos novos protocolos específicos da Administración galega destinados a afianzar a fase de contención na Galiza, en consonancia cos mandatos do Ministerio de Sanidade.

"Os recortes nos servizos públicos derivaron na escaseza do capital máis importante para conter esta epidemia, o persoal sanitario".

Á espera desta reunión e das conclusións que saían do encontro a secretaria da CIG-Saúde, María Xosé Abuín, apela á mensaxe de "tranquilidade" compartida polas autoridades sanitarias e á profesionalidade do persoal  hospitalario e de Atención Primaria responsábel da avaliación e control das infeccións respiratorias que chegan ás súas consultas.

"É imprescindíbel que se cumpra a máxima de que somos un ben a protexer", explica en conversa con este medio. "Somos un colectivo chave para que o coronavirus non se propague".

Falta de información directa ás profesionais

Desde CCOO critican o atraso con que se citou as representantes sindicais para informar e avaliar as medidas de control e seguridade emprendidas polo Goberno galego para previr a transmisión do coronavirus.

"As profesionais están tranquilas, preparadas e con coñecemento", responde Emilia Lamas, responsábel da área de Saúde do sindicato, ás preguntas de Nós Diario. "Mais preocupa que, se non se acordan novos protocolos se incremente o número de traballadoras sanitarias illadas de forma preventiva nos seus domicilios". Lamas reclama medidas de contención propias para o persoal hospitalario e da atención primaria co fin de evitar o colapso dos distintos servizos por falta de persoal e a imposibilidade de substituílo. "Censuramos a falta de información directa ás profesionais que teñen que facerse cargo do primeiro contacto coas doentes".

"Censuramos a falta de información directa ás profesionais que teñen que facerse cargo do primeiro contacto coas doentes".

Pola súa banda, Javier Martínez, de UXT, insta á Administración galega a "tomar en serio a chegada do coronavirus". O máis importante, dixo, é controlar a expansión do virus, e para iso é fundamental a "educación sanitaria a todos os niveis", incidiu. "E as responsábeis de facilitala son as profesionais, minguadas durante tantos anos. Non hai centro de saúde co cadro completo, así que os recortes nos servizos públicos derivaron na escaseza do capital máis importante para conter esta epidemia". Asegura Martínez que sen traballadoras nin a educación sanitaria nin a prevención son efectivas. E "a medicina asistencial, por si soa, non é suficiente no caso do coronavirus".

Máis profesionalidade

Desde a Plataforma SOS Sanidade Pública botan en falta un discurso menos alarmista e máis profesional. "Onde están as hixienistas, as epidemiólogas, as enfermeiras, a Saúde Pública?", cuestiona Xosé María Dios. Galiza non son as grandes cidades, engade. "É moi rural, e a súa poboación precisa poder acceder a unha información plural e profesional". 

Fóra diso, mantén, "a tranquilidade impera", sen perder de vista as consecuencias asistenciais dunha corentena preventiva na Atención Primaria.