O Goberno español desoe a Comisión Europea e segue sen reverter a concesión da AP-9

A autoestrada do Atlántico nunha imaxe de arquivo. (Foto: Miguel Riopa / Europa Press)
"En todo caso, debe entenderse que a competencia para pronunciarse en materia de concesión de autovías de titularidade estatal, aprobado por real decreto, correspóndelle ao Estado", afirma o Executivo.

O Goberno español segue a desoír os informes desfavorábeis da Comisión Europea sobre prórroga da concesión da AP-9, e asegurou que, "de momento, non se iniciou ningunha actuación destinada a reverter" esa concesión, a pesar de que a propia Comisión  abrira un expediente ao Estado español por aprobar a prórroga sen pór en marcha un concurso público.

Así o sinala en resposta a unha pregunta escrita do deputado de Podemos, Antón Gómez-Reino, na que interpela o Executivo estatal para que responda se se iniciou ou se proxecta algunha actuación para reverter a concesión "dada a acumulación de probas sobre a suposta ilegalidade das prórrogas". realizadas e das compensacións económicas á empresa concesionaria".

O pasado mes de setembro Bruxelas presentou unha causa contra o Estado español porque a ampliación da peaxe da AP-9 ata 2048 non se fixo conforme á lexislación europea, tras unha denuncia de En Colectivo.

Sobre esta cuestión, o Executivo central limítase a indicar que, en xaneiro de 2022, foron remitidas á Comisión Europea "as oportunas aclaracións", "no prazo establecido". 

Pregunta pola indemnización

Gómez-Reino tamén preguntou polo informe da Comisión Galega da Competencia, no que o organismo sinalaba como "excesiva" a indemnización á concesionaria pola ampliación da autovía.

A este respecto, o Goberno español indica que "se recolle a opinión expresada polo devandito organismo autónomo, pero non é compartida".

"En todo caso, debe entenderse que a competencia para pronunciarse en materia de concesión de autovías de titularidade estatal, aprobado por real decreto, correspóndelle ao Estado", engade na súa resposta.