O Goberno do Estado certifica a existencia de 2.640 pisos turísticos ilegais na Galiza
O Executivo español reclama retirada do mercado do aluguer de 2.640 pisos turísticos ilegais.
O Ministerio da Vivenda e Axenda Urbana (MIVAU) notificou 2.640 pisos turísticos ilegais na Galiza ás plataformas dixitais para que retiren os anuncios en liña destes aloxamentos.
As vivendas turísticas declaradas como ilegais son inmóbeis que solicitaron o número de rexistro obrigatorio desde o pasado 1 de xullo, pero que non o obtiveron porque non cumpren cos requisitos fixados pola normativa.
O pasado de 1 xullo entrou en vigor unha normativa que fixa como obrigatorio que todos os inmóbeis que se alugan a través de plataformas dixitais como pisos turísticos estean dados de alta nun rexistro único.
A nova lexislación é de carácter comunitario e entrou en vigor en xaneiro mais cunha moratoria de seis meses de período transitorio. Así, entre o 2 de xaneiro e o 1 de xullo rexistráronse na Galiza un total de 7.317 solicitudes para a obtención do número de rexistro do aluguer.
A resolución do Ministerio de Vivenda e Axenda Urbana obriga agora ás distintas plataformas de contratación destas vivendas a proceder á retirada dos anuncios destes inmóbeis, que se poden estar a comercializar en varias delas á vez.
Vigo á cabeza
As cifras ofrecidas este domingo 14 de setembro polo Executivo do Estado mostran que o municipio galego con máis vivendas para alugar en situación de ilegalidade é Vigo con 277, seguida de Sanxenxo (O Salnés) con 196, A Coruña con 140, Compostela con 128 e Pontevedra con 111.
