PERíODO 2012-2015

O goberno aprobou nestes 4 anos 4.438 millóns para 'gastos extraordinarios' en armamento

tanques-crop

Un real decreto concede un crédito extraordinario ao Ministerio para atender o pagamento de ‘obrigas pendentes’, nomeadamente Programas Especiais de Armamento (PEAs), que foron activados en 1997 polo goberno de Aznar.

 

O Congreso español debateu esta semana o Real Decreto lei aprobado polo goberno de Mariano Rajoy no consello de ministros do 14 de maio e en base ao cal se aproba un crédito extraordinario de 886 millóns de euros para o Ministerio de Defensa. A finalidade desta partida, como explica Tita Fort no blog ‘Crónicas insubmisas’, do Instituto Catalán Internacional pola Paz, é atender o pagamento de obrigas correspondentes, principalmente os Programas Especiais de Armamento (PEAs). Os PEAs foron postos en marcha en 1997 polo goberno de José María Aznar coa finalidade de contratar a fabricación e compra de diversos sistemas de armamento.

O seu custo desproporcionado, lembra Fort, “obrigou a crear un mecanismo de enxeñeiría para financiar estes proxectos, consistente en que o Ministerio de Industria concedería créditos a cero interese ás industrias para desenvolver os proxectos, con isto conseguían tres obxectivos: aparentar que o Ministerio de Defensa non incrementa o seu orzamento, que o orzamento da I+D no Estado Español semellara aumentar, e atender as demandas da industria militar de recibir apoios”.

 A finalidade é atender o pagamento de obrigas correspondentes, principalmente os Programas Especiais de Armamento (PEAs). Os PEAs foron postos en marcha en 1997 polo goberno de José María Aznar

Este tipo de créditos extraordinarios non son algo extraordinario, como o seu nome e procedemento de aprobación, poderían levar a crer. Así, non é 2015 o único ano no que se aprobaron (lembremos, 856 millóns de euros). Tamén en 2014 houbo un real decreto do goberno para a mesma finalidade, desta volta por 920 millóns de euros. E en 2013, tamén, nese ano por 879 millóns. E no 2012 o crédito extraordinario foi de máis de 1.780 millóns de euros! Nos últimos catro anos, o goberno español destinou 4.438 millóns de euros a gasto militar extraordinario

No debate no Congreso o real decreto xerou o rexeitamento da esquerda e do soberanismo. O BNG recriminou ao PP que no momento actual non priorice ás persoas por riba de todo. “As persoas deberían estar antes, pero vostedes optan por investir máis en armamento”. Lembrou que o estado español é o segundo, despois de EE.UU, que máis inviste en investigación militar. “Mentras que destaca por ser o primeiro en investir menos en investigación civil. Este é un Goberno militarista porque é falso que queiran estar ao servizo das persoas”.