O Goberno compostelán tratará de recorrer a sentenza contra o veto aos pisos turísticos

O acordo do Pleno vetaba usar pisos do centro compostelán como turísticos.
Sánchez Bugallo avanza que o Concello estuda se é posíbel impugnar a sentenza pola que o TSXG anulou esta semana o acordo plenario que vetaba o uso de vicendas da zona histórica como aloxamentos turísticos por un erro no procedemento. 

Os servizos xurídicos do Concello de Compostela estudan a sentenza pola que o Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG) anulou esta semana o acordo do Pleno polo que se vetou destinar vivendas a aloxamentos turísticos temporais na zona antiga. O fallo, adiantou o alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, "recorrerase se é recorríbel".

A decisión xudicial ditouse en resposta a un recurso dun particular contra a modificación do Plan Especial-1 de Protección e Rehabilitación da Cidade Histórica, que impulsara o anterior equipo de Goberno de Compostela Aberta, aprobada en novembro de 2018.

No fallo, que estima parcialmente o recurso, o tribunal conclúe que a Administración local "non respectou o procedemento", xa que realizou "modificacións substanciais" no Plan Especial "sen unha previa información pública na forma esixida na lei".

Segundo se recolle na sentenza, con ese cambio, o Concello pretendía "asegurar a preservación da cidade histórica como lugar de residencia" co obxectivo de "deter o proceso de baleirado residencial que supón, de facto, a proliferación dos aloxamentos turísticos, que substitúen poboación permanente por poboación flotante, ameazando así a protección da cidade histórica como cidade viva e habitada".

A este respecto, o TSXG resolve que "existe xustificación" para levar a cabo esa modificación do plan, pois considera que está "motivada" e baseada "en razóns de interese público".

Porén, anúlaa por infrinxir o procedemento legalmente estabelecido, que obrigaba á súa exposición pública antes da aprobación porque se introduciron "modificacións substanciais".

Segundo fai notar, esa argumentación non serve por si soa de xustificación, dada a relevancia do cambio. "Inicialmente prohibiuse o uso turístico para pasar definitivamente a prohibir todo tipo de aloxamento temporal; ademais de que se estende a todos aqueles usos e actividades de carácter temporal que se implantaron ilegalmente con posterioridade ao acordo de suspensión previa", fai notar o ditame.

Desde Compostela Aberta , a edil Marta Lois salientou esta terza feira, 27 de outubro, que a admisión, por parte do tribunal de que "é máis unha cuestión de forma que de fondo" e considera que desa forma "dá a razón" á ordenanza.

Estima que o Goberno local debe "facer todo o posíbel" para recorrela para que unha cuestión "de forma" non afecte a unha decisión que favorece "o interese xeral" da cidadanía compostelá e non teña un impacto nas arcas municipais.