O negocio do alugueiro turístico desborda na Galiza

Mils de vivendas na Galiza están a destinarse ao alugueiro turístico a cabalo do éxito das plataformas dixitais que facilitan este servizo. Un boom que tamén ten consecuencias, e non poucas, para a poboación residente. Xa son 6.000 as vivendas turísticas rexistradas mais o número de existentes multiplicaría até por 5 esa cifra. Eis un extracto da reportaxe publicada no número 311 de Sermos Galiza.

mapa airbnb
photo_camera Mapa Airbnb

3Este 2018 parece que vai ser o ano da explosión na Galiza do fenómeno dos alugueiros turísticos, unha realidade que existía de vello mais que en 2011 tivo un punto de inflexión coa aparición de grandes plataformas dixitais (Airbnb a máis coñecida e popular) que permiten comercializar este tipo de prazas, inmobles... en todo o planeta e a prezos baratos. 

Iago Lestegás, arquitecto e doutor en rexeneración urbana e desenvolvemento económico, lembra que o alugueiro de pisos ou casas a turistas existe desde hai anos: “Eu lembro a miña familia en Foz facéndoo”. Mais coas novas plataformas e extensión do turismo este fenómeno está a aumentar vertixinosamente e con el as consecuencias, problemas e prexuízos que pode xerar: aumento de alugueiros, mingua da oferta de arrendamentos para a poboación local e, en casos extremos, mesmo a expulsión da poboación local daquelas zonas máis copadas por este negocio.

“En xullo había activos na plataforma Airbnb 653 anuncios de alugueiros turísticos en Compostela”, explica Lestegás en conversa con Sermos Galiza, “e 64% desas ofertas eran vivendas enteiras: iso contradí ese argumento de que son familias que alugan un cuarto para completar a renda familiar ou que isto é algo da economía colaborativa, é un negocio”.

Algo ao que apontan dados como, por exemplo, o estudo encargado polo Concello de Santiago e que detectou que moitos dos pisos de uso turístico non eran de particulares mais si de empresarios hostaleiros. Esta análise tamén calculou que este tipo de negocios moven na cidade anualmente 8,5 millóns de euros que non son fiscalizados.
 

[Podes ler a reportaxe íntegra no número 311 de Sermos Galiza, á venda na loxa e nos quiosques]

Comentarios