O glifosato gaña, polo de agora, a batalla na UE

Protesta contra o glifosato en Ourense

A Comisión non prevé prohibir o uso deste herbicida malia as restricións que reclaman o Parlamento europeo e as organizacións ecoloxistas.

O glifosato é o herbicida de maior produción mundial e o seu uso exténdese desde particulares e profesionais até as propias administracións públicas que regan con el a vía pública, os noiros das estradas e incluso monumentos históricos como a Muralla de Lugo, co obxectivo de impedir que medren herbas e arbustos. 

A Comisión non prohibirá o seu uso como reclamou o Parlamento europeo

Trátase dun produto non selectivo de amplo espectro sobre o que a Organización Mundial da Saúde (OMS) alertou en 2015 dos seus potenciais prexuízos e catalogouno como A2-Probabelmente canceríxeno. De facto, un estudo elaborado pola revista The Lancet arredor de 5 produtos comerciais que conteñen este elemento químico reflicte unha "evidencia limitada" de que pode producir linfoma no-Hodgkin en seres humanos e probas "convincentes" de que pode causar cancro en animais de laboratorio. Así as cousas, a Axencia Europea de Productos Químicos (ECHA) e a Axencia Europea de Seguridade Alimentar (EFSA) non o consideran perigoso. 

O movemento ecoloxista europeo e mesmo algúns estados membros da UE reclamaron, neste senso, que se fagan públicos os informes nos que a ECHA baseou a súa opinión ao respeito. Algo que non foi posíbel polas presións da empresa propietaria do glifosato: Monsanto e a patronal fitosanitaria, que apela á propiedade intelectual sobre o químico para non divulgar información confidencial. 

O glifosato é propiedade de Monsanto. Actualmente comercialízano 24 corporacións e constitúe o herbicida de maior produción mundial

A Comisión desoe a Eurocámara

Neste contexto, a Comisión Europea debate a aprobación ou non do seu uso público e privado no marco da renovación da súa autorización. Países como Franza, Holanda e Italia amosáronse contrarios e o Parlamento europeo aprobou unha resolución --non vinculante-- coa que reclamou a súa aprobación "só para usos profesionais", afastándoo de espazos públicos como escolas e parques infantís, e por un período limitado de 7 anos, en troca dos 13 que prevía inicialmente o proxecto da Comisión. 

Porén, segundo o xornal británico The Guardian, a proposta que negocia a Comisión non introduce apenas mudanzas na súa idea orixinal nen ten en consideración a opinión maioritaria da Eurocámara, para alén de que se a ECHA cataloga como perigoso o produto, deberá prohibirse o seu uso.

Franza abandeira a loita contra este químico

Galiza

Na Galiza, algunhas administracións locais declaráronse libres de glifosato nos últimos anos como o Concello de Ponteareas, o de Ferrol, A Coruña, Compostela e a Deputación de Pontevedra. Malia a todo o seu uso continúa a ser xeralizado na maior parte do país e por parte da Xunta. 

Fronte a isto, Francia tornouse na punta de lanza da ofensiva contra o glifosato através dunha normativa que prohibe a súa venda libre. 

Desde a Asociación para a defensa ecolóxica de Galiza (Adega) reclaman que "os concellos, deputacións e Xunta vaian por diante da Comisión Europea e deixen de usar este perigoso herbicida".