O gasto público por dependente cae a mínimos, lonxe da media estatal

Unha enfermeira nunha residencia de maiores. (Foto: Nós Diario)
A nota positiva é a redución das listas de agarda, que deixan 4,6% do total de dependentes á espera.

4.856,6 euros é a contía que a Administración galega dedicou o pasado ano, de media, á atención de cada persoa dependente. A cifra revelouna onte o XXIII Ditame do Observatorio da Dependencia, documento elaborado periodicamente pola Asociación Estatal de Directoras e Xerentes en Servizos Sociais, unha cifra que se traduce nunha caída a mínimos na serie histórica desta estatística, con datos ofrecidos desde 2009.

No ano anterior foran perto de 6.000 euros e, se nos remontamos ao rexistro máis antigo, o último do Goberno de coalición PSdeG-BNG, o importe ascendía a 6.459 euros, isto é, 33% máis que en 2022. Con este último dato, tal e como salienta o informe, a Galiza volve afastarse significativamente do gasto medio por dependente no conxunto do Estado español, que ascendeu a 6.131,6 euros o pasado ano, case 21% máis que no caso galego.

Fonte: XXIII Ditame do Observatorio da Dependencia.

A nota positiva é a redución das listas de espera, que minguaron en 747 persoas (-18,6%), máis do dobre que a media estatal, reducíndoa a 4,6% dos dependentes totais, sete puntos menos que a media. Son, en total, 3.271 galegas e galegos as que fican aínda á espera de atención á dependencia e 618 agardando pola valoración.

De forma paralela, aumentou en 3.042 o número de persoas atendidas, unha repunta de 4,68% que, con todo, é menor que no resto de territorios (7,47%). Isto non impediu que ao longo do pasado exercicio falecesen na Galiza un total de 357 persoas que agardaban pola axuda de dependencia, unha media de case unha por día, tal e como informou Nós Diario esta mesma semana.

2022 fechou cunha taxa de 45,8 persoas desatendidas por cada 1.000 persoas con dereito recoñecido, indicador que se reduce por sétimo ano consecutivo, se ben o propio documento matiza que deste dato hai que deducir as persoas con Programa individual de atención (PIA) que aínda non recibiron o servizo ou prestación e as falecidas en lista de espera.

Con estes datos, os autores e autores do estudo conclúen que a Galiza "aínda non recuperou" os niveis asistenciais prepandemia, nomeadamente no servizo de atención residencial, pois o país conta con 1.417 prazas menos que antes da irrupción da pandemia.