A Mariña

Efectivos especializados da Garda Civil reconstrúen o accidente de Xove no que morreron catro mozos

Un garda civil vixía a retirada do coche sinistrado en Xove por un guindastre. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
O condutor deu positivo na proba de alcolemia e foi ingresado na UCI, mentres outro dos integrantes está investigado por un presunto delito de omisión do deber de socorro após ausentarse do lugar sen socorrer os acompañantes nin solicitar auxilio.

Unha unidade especializada en reconstrución de accidentes de tráfico da Garda Civil, desprazada desde Mérida (Estremadura), traballa na reconstrución desde as 10 horas desta cuarta feira do accidente que o pasado 1 de abril acabou coa vida de catro mozos en Xove (A Mariña). Aquela madrugada, un Citroën C4 con seis mozos no seu interior de entre 17 e 19 anos saíra da estrada no quilómetro 1.100 da LUP-2604, nunha curva pronunciada na Rigueira, nas proximidades da urbanización Palmeiro.

No asfalto non quedaron sinais de freada do vehículo, que se precipitou por un terraplén de entre tres e catro metros, bateu cun poste do tendido eléctrico e, após dar varias voltas de campá, acabou na leira dun veciño. Foi este o que ás 9.40 horas deu aviso aos servizos de emerxencias. Con todo, a Garda Civil estima que o accidente puido producirse horas antes, xa que o seis mozos viñan dunha verbena nunha localidade próxima.

Agora, no marco da investigación, a unidade do Instituto Armado chegada de Mérida realiza medicións que comparará coas tomadas o propio día do accidente. O obxectivo é esclarecer desde a hora exacta á que se produciu o sinistro até a velocidade e o estado da vía, entre outros asuntos. Os traballos de medición e reconstrución continuarán durante todo o día.

Arredor dunha decena de efectivos, tamén galegos, acordoaban a zona minutos antes das 10 horas, cando comezaron os labores de medición non só na área do accidente, senón tamén desde metros antes da curva.

Buscan calcular así a trazada máis parecida posible á que levaba o coche sinistrado e a velocidade coa que entrou na curva. Ademais, levaron a cabo unha reconstrución de freada cun vehículo da Garda Civil.

No accidente faleceron catro persoas das seis que viaxaban nun vehículo con capacidade legal para cinco. Entre os sobreviventes, o condutor, ao que se lle practicaron probas de alcolemia que resultaron positivas e que estivo ingresado na UCI até mediados do pasado mes de maio, e outro mozo, que resultou ileso.

Este último saíu polo seu propio pé e foi atendido horas máis tarde nun centro sanitario, onde recibiu a alta pouco tempo despois. Este mozo ausentouse do lugar do accidente durante varias horas, polo que o Xulgado de Instrución Nº2 de Viveiro —de garda o día do ocorrido e a cargo do caso— investiga se concorre un delito de omisión do deber de socorro, "ao ausentarse do lugar do sinistro sen socorrer aos outros ocupantes do vehículo nin demandar auxilio".