Garda Civil e Policía puxeron en Semana Santa 1.644 sancións na Galiza polas restricións de Covid-19

A Delegación do Goberno estatal informa da identificación de 48.594 persoas e o control de 36.249 vehículos durante ese período

A Delegación do Goberno estatal en Galiza informa da identificación de 48.594 persoas e o control de 36.249 vehículos durante a Semana Santa. O control das restricións vinculadas á Covid-19 orixinou 1.644 propostas de sanción, un 3,3% do total de persoas identificadas.

A Policía española e a Garda Civil despregaron un dispositivo especial, que continúa esta segunda feira, con motivo da Semana Santa.

O obxectivo era o cumprimento das restricións impostas pola Xunta e polo Consello Interterritorial de Saúde, tanto entre a poboación en xeral como nos colectivos específicos.

En concreto, informa a Delegación, o labor centrouse tanto no peche perimetral da Galiza como na vixilancia de áreas como as zonas costeiras, de segundas residencias e vacacionais.

En total, houbo 4.577 dispositivos con 6.425 axentes. Identificaron a 48.594 persoas e controlaron 36.249 vehículos. As propostas de sanción ascenderon a 1.644.

Con respecto á hostalería, os controis neste sector foron 3.507 na Galiza. Entre Garda Civil e Policía sumaron 157 propostas de sanción, o que supón un 4% do total de controis.

Policia adscrita á Xunta

Axentes da Policía Nacional adscrita á Xunta levaron a cabo nos días festivos da Semana Santa un total de 144 dispositivos en 42 concellos galegos nos que foron tramitadas 53 denuncias. O

s controis realizáronse no marco do plan de actuacións específicas destinadas á prevención, inspección e control do cumprimento das medidas adoptadas polas autoridades competentes pola covid-19, e saldáronse con 170 persoas identificadas.