Interceptan unha parella que saltou o pechamento perimetral de Galiza e circulaba a 170 Km/h pola AP-9

Unha patrulla do Sector de Tráfico da Garda Civil interceptou unha condutora que circulaba a 170 quilómetros por hora pola AP-9. Ademais, os axentes comprobaron que tanto ela como a súa parella, que viaxaba no mesmo vehículo, saltaran o pechamento perimetral de Galiza decretado para a Semana Santa.

Aconteceu a pasada semana durante un control de velocidade dinámico establecido polo Instituto Armado no quilómetro 52 da Autoestrada do Atlántico, que coincide co termo municipal de Oroso.

Alí, tras detectarse un turismo que circulaba a 170 quilómetros por hora, os axentes déronlle o alto e procederon identificar a condutora. Foi entón cando comprobaron que era unha cidadá residente doutra comunidade, acompañada da súa parella, e que entrara en Galiza sen respectar o pechamento perimetral.

Así, ademais da multa por exceso de velocidade á que se enfronta a condutora, ambos os dous foron propostos para sanción administrativa por incumprir as restricións de mobilidade establecidas polas autoridades sanitarias no contexto da pandemia do coronavirus.