A Garda Civil multa brigadas forestais por exceso de velocidade

Un camión de bombeiros acode a extinguir o incendio que axexou O Barbanza. (Foto: César Arxina / Europa Press)
Desde o sindicato FAC-USO instan a Consellaría do Medio Rural a presentar alegacións contra estas sancións e reclamar a súa anulación, dado que a situación de emerxencia xustifica o exceso de velocidade.

Estes días é frecuente escoitar polas estradas do país as sereas dos vehículos de emerxencias que acoden ás présas a sufocar os incendios forestais que inzan no monte galego nun verán especialmente afectado, con máis de 42.000 hectáreas calcinadas no último mes.

Porén, a ollos da Garda Civil de Tráfico, as emerxencias non son motivo para eludir as limitacións de velocidade. Así o vén de denunciar a Federación de Atención á Cidadanía da Unión Sindical Obreira (FAC-USO) na Galiza: "Están a chegar aos distritos forestais propostas de sanción, a instancia de Tráfico, por exceso de velocidade, cando acudían ás emerxencias".

Desde FAC-USO consideran "moi curioso" que desde os distritos forestais "se estean limitando a identificar o condutor do vehículo, que acudiu, como motobombista, durante a súa xornada laboral, a prestar servizo na loita contra os lumes que durante este verán están a asolar a Galiza, especialmente no pasado mes de xullo".

Así, inciden en que a Consellaría do Medio Rural "incumpre, máis unha vez, co persoal do servizo de prevención contra incendios forestais (SPIF), cando realiza simplemente un informe, mais non se presentan nin alegacións á proposta de sanción nin se solicita a súa anulación", malia tratarse dunha situación "xustificada" pola situación de urxencia.

Mesmo nalgún caso, lamentan, os axentes de Tráfico teñen indicado ao condutor que a multa é de cen euros, mais que se a abona ao momento baixa á metade. Porén, lembran, "acollerse ao pagamento reducido implica na práctica a imposibilidade de recorrer".

"Semella claro que nunha situación de emerxencia, co rotativo posto, cando o condutor circulaba pola autoestrada ou pola autovía para acudir o máis urxentemente posíbel ao lugar do territorio galego que estaba ardendo, resulta xustificábel que se dea traslado aos servizos xurídicos da propia Consellaría para que formulen, en todos os casos, os pregos de descargos correspondentes", engaden.

Insisten así desde FAC-USO en que Medio Rural debe formular alegacións e instar a anulación destas multas, ao tempo que salientan que xa denunciaron con anterioridade que se estaba a obrigar o persoal a prolongar a xornada laboral alén das doce horas, imcumprindo o convenio colectivo, con só dous ou tres bombeiros nalgúns casos, "por non ter cuberto as baixas e prazas vacantes".