Toman declaración á contorna do veciño de Narón detido polo crime de Elisa Abruñedo

Recollida de probas no domicilio do home detido en Narón ante a expectación dos medios de comunicación alí presentes, esta terza feira. (Foto: Europa Press)
"Eu quero xustiza e que este tipo de xentuza, calaña ou merda paguen como teñen que pagar", di o fillo da vítima, Adrián Fernández, que demanda "xustiza" para a súa nai e asegura que nunca perdeu a esperanza.

A subdelegada do Goberno estatal na Coruña, María Rivas, informou esta cuarta feira de que están a tomarse declaracións testemuñais á contorna do veciño de Narón detido polo crime de Elisa Abruñedo, asasinada hai dez anos. En declaracións aos medios tras presidir coa alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, a Xunta de Seguridade local, Rivas sinalou que están á espera de que se lle tome declaración ao detido, que se prevé que pase a disposición xudicial esta mesma quinta feira.

"Tal e como manifestaba esta terza feira o delegado do Goberno [Pedro Blanco], a investigación está baixo segredo de sumario e a única información que podemos confirmar é que efectivamente o detido está na comandancia da Coruña e que neste momento están a realizarse actuacións", indicou. Após unha década de investigación, defendeu, "a Garda Civil nunca deixou de traballar".

E ese traballo, dixo, "deu os seus froitos e coloca no foco unha persoa, que finalmente é a que resulta detida", relatou. "Non podo sentirme máis orgullosa do traballo da Garda Civil e dese permanente contacto coa familia, téndoos permanentemente informados e trasladándolles que por moito que pasase o tempo non iamos deixar de facer o que había que facer", reivindicou.

Pola súa parte, Pedro Blanco, na mesma liña que a subdelegada, aproveitou para felicitar a actuación da Garda Civil na que colaborou a Comandancia da Coruña e a UCO, resaltando que se trata dunha investigación de máis de dez anos "con resultados que parece que están a chegar, coa detención do presunto autor desta fatal morte". Polo que felicitou aos corpos de seguridade do Estado e "fundamentalmente á Garda Civil e á UCO", que "traballaron en silencio, pero sen tirar a toalla".

Aliás, trasladou de novo o pésame e as condolencias do Goberno español aos achegados da vítima, Elisa Abruñedo, "que sempre estiveron absolutamente confiados na xustiza, nos corpos de seguridade do Estado e na Garda Civil". Consultado sobre se se realizará unha reconstrución do crime, apuntou que "se realizará nun segundo momento", pero en todo caso insistiu en que non pode contar moito máis polo de agora.

O fillo pide "xustiza" e non perde a esperanza

Adrián Fernández, fillo de Elisa Abruñedo, reclamou "xustiza" para a súa nai: "Eu quero xustiza e que este tipo de xentuza, calaña ou merda paguen como teñen que pagar, non como fan agora no cárcere, estando sans, illados para que non lles pase nada e logo para casa", manifestou, tras coñecer o arresto deste veciño de Narón, natural de Vilarmaior, dez anos despois do crime.

"Suponse que si, xa que se o deteñen quero entender que algo lles cadrou, eles cren que si —en alusión á Garda Civil—, pero até que non teñan os testemuños e as probas que teñen que facer, queda niso", trasladou, en relación a se cre que se puido deter o culpábel.

O fillo de Elisa manifestou que sempre mantivo a esperanza de que se resolvería o caso. "Eu sempre tiven esperanza e dixen que a cabezón non me gaña ninguén, algo que saquei da miña familia e sempre quero chegar até o final", apuntou Fernández, que durante esta década exerceu en diversas ocasións como portavoz da familia.

Detención en Narón

A Garda Civil, tras dez anos de investigación, detivo esta terza feira un veciño de Narón (Ferrolterra), de 49 anos, como presunto autor do homicidio da veciña de Lavandeira, en Cabanas (Eume). Abruñedo foi localizada nas proximidades do seu domicilio o 1 de setembro de 2013, ás poucas horas de desaparecer. O corpo sen vida estaba a tan só 200 metros da súa vivenda, con diversas puñaladas e constatándose que fora tamén violada.

A muller tiña por aquel entón 46 anos de idade, estaba casada e era nai de dous fillos. Na zona foron localizadas varias mostras de ADN que pertencerían ao responsábel da violación e o asasinato.