Requisan varias escopetas na vivenda en Narón do detido, dez anos despois, polo crime de Elisa Abruñedo

Efectivos da Garda Civil ás portas do domicilio do detido polo crime aínda non esclarecido de Cabanas. (Foto: Europa Press)
A investigación, dirixida polo Xulgado de Instrución número 2 de Ferrol, atópase baixo secreto de sumario. A Garda Civil rexistrou o domicilio do acusado.

Axentes da Garda Civil requisaron varias escopetas e outros aveños no domicilio do detido polo crime de Elisa Abruñedo, ocorrido en Cabanas (Eume) en 2013. No lugar dos feitos, a apenas uns 200 metros da súa casa, recolléronse mostras de ADN do agresor que, segundo os datos da investigación, foi violada antes de ser asasinada de forma violenta.

Dez anos despois daquel 1 de setembro, esta terza feira 17 de outubro, os axentes da Garda Civil detiveron un home de 49 anos como presunto autor do crime. A operación estivo dirixida polo Xulgado de instrución número 2 de Ferrol. No momento do arresto, o detido, natural de Vilarmaior e residente no barrio da Gándara de Narón, estaba en mono de traballo, xa que é operario do sector do metal.

Abruñedo, cuxo marido faleceu en accidenten laboral dous anos despois, foi localizada nas proximidades do seu domicilio o 1 de setembro de 2013, ás poucas horas de desaparecer. O corpo sen vida estaba a tan só 200 metros da súa vivenda, con diversas puñaladas e a autopsia determinou que fora violada.

A muller, que tiña 46 anos cando a mataron, estaba casada e era nai de dous fillos. Durante esta década, a Garda Civil levou a cabo investigacións para tratar de esclarecer este homicidio, que frutificaron coa detención desta persoa en Ferrol como presunto autor de feitos investigados, desenvolvida por axentes da Comandancia da Coruña e da Unidade Central Operativa (UCO).

Rexistro no domicilio

Xa na tarde desta terza, coa xuíza titular e o secretario xudicial, unha comitiva composta tamén por axentes da Garda Civil da Coruña desprazáronse até o domicilio do detido, na Gándara. A vivenda tamén a comparte co seu pai e o seu irmán, mentres que a súa nai morreu hai uns meses.

Afeccionado aos cabalos e á caza, os axentes requisaron na vivenda varias escopetas e outros aveños que meteron en bolsas de plástico e levaron aos maleteiros dos coches pasadas as 19.30 horas da tarde. O rexistro comezou sobre as 18.30 horas, após chegar un dez minutos antes o detido aínda con roupa de faena. Á saída, levaba roupa 'de rúa'.

Falta por aclarar a relación do detido coa vítima, aínda que no seu momento xa se sospeitaba que non tiña unha vinculación directa polas circunstancias do ocorrido, como a proximidade á vivenda. Queda por aclarar, aliás, se o arrestado tiña relación con Cabanas por unha vivenda da familia. Após concluír o rexistro, do detido foi trasladado á Comandancia da Garda Civil na Coruña e falta que preste declaración ante a autoridade xudicial.