En busca a ex parella da muller asasinada en Oia, un Garda Civil con orde de afastamento

Inmediación do cámping O Muiño (Foto: Turismo de Galicia).
A muller asasinada, traballadora da limpeza do cámping, recibiu varios disparos cando saía de traballar tras finalizar a súa xornada laboral.

A Garda Civil busca a ex parella da muller asasinada nas inmediacións do cámping O Muíño, situado na localidade de Oia, no Baixo Miño. Segundo fontes consultadas, trátase dun axente do Instituto Armado que tiña unha orde de afastamento de 300 metros da vítima e a prohibición de comunicarse con ela. Polo momento, non foi detido.

As mesmas fontes afirmaron que a muller, traballadora da limpeza do cámping, recibiu varios disparos cando saía de traballar tras finalizar a súa xornada laboral.

Os feitos producíronse á primeira hora da tarde deste sábado nas inmediacións do cámping O Muíño, situado na parroquia de Mougás, ao pé da estrada que une Baiona e A Guarda.

O 112 tivo coñecemento dun altercado neste punto sobre as 16.10 horas deste sábado. Nese momento, a central de emerxencias mobilizou até o lugar á Garda Civil e á Policía Autonómica.

A alcaldesa en funcións de Oia, Cristina Correa, que se desprazaba cara ao lugar dos feitos, sinalou que, segundo lle trasladaba a responsábel do cámping, a vítima era natural de Lugo e vivía no municipio desde facía pouco tempo "acollida" por unha veciña.

Este sería o segundo crime machista ocorrido na Galiza este 2023 tras o asasinato dunha muller en Baiona o pasado mes de febreiro polo que foi detida a súa ex parella.

Tres días de loito

Cristina Correa tamén avanzou que o Concello de Oia decretará tres días de loito oficial por este "tráxico suceso" ocorrido á primeira hora da tarde deste sábado. Ademais, convocarase un minuto de silencio ás 12 horas deste domingo fronte ás instalacións do cámping.

Por outra parte, o consistorio municipal cancelou ou aprazou as actividades organizadas para este domingo. Así mesmo, antes da saída da Volta Ciclista Baixo Miño gardarase un minuto de silencio, do mesmo modo que antes do curro de Torroña.