Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia'

García Comesaña: "Tomamos algunhas medidas que non foron as adecuadas"

Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade (Imaxe: Europa Press).
Julio García Comesaña (Vigo, 1968) foi nomeado conselleiro de Sanidade a principios do pasado mes de setembro, substituíndo un Vázquez Almuiña cuxa xestión acumulaba fortes críticas de sindicatos e colectivos de defensa da sanidade pública. García Comesaña pasou ocupar o cargo de conselleiro desde a Área de Xestión Integrada de Vigo, cuxa xerencia exercía desde 2019 e tras uns anos con responsabilidades varias na administración sanitaria. 

García Comesaña  tomou as rendas da Consellaría de Sanidade o 6 de setembro, hai apenas 7 meses. Período curto mais intenso á fronte dun sistema sanitario, o galego, que afronta o seu maior reto. 

Vai un ano desde o inicio da pandemia. Coa perspectiva do tempo e tamén coa experiencia acumulada nestes 12 meses, que leccións saca para o futuro?

É unha pregunta difícil de responder en pouco tempo.  Unha lección é a importancia do noso comportamento individual, desde o punto de vista da prevención, de hábitos de vida. Algo que até agora pensabamos que era estritamente persoal: se nos coidabamos ou non era problema noso, e esta pandemia levounos a ser conscientes de que a nosa forma de vivir tamén condiciona a dos demais. Por exemplo, hai uns anos, cando a xente non se vacinaba da gripe había a idea de que non importaba, que era cuestión deles se querían vacinarse ou non. Mais agora somos conscientes de que iso inflúe en todos. Outra lección é a relativa a esa visión de invulnerabilidade a nivel social, a nivel de país, mesmo de aquí a respecto do terceiro mundo... iso de que ”aquí isto non vai pasar” xa non val.  Agora si hai esa idea de vulnerabilidade.

Se principaise hoxe a pandemia e cos coñecementos que temos, que decisión das adoptadas pola Xunta da Galiza non volvería adoptar?

Como en todo, houbo acertos e erros. Entre os acertos eu situaría o de pedir o consello dos profesionais. 

Temos un comité clínico que nos asesora na pandemia e creo que foi importante, tomar as decisión baseadas en criterios que non fosen soamente os  a Xunta. Tratamos sempre de compatibilizar as cuestión do ámbito sanitario coas doutros ámbitos, un equilibrio complicado que creo que deu resultados positivos. Poderiamos tomar unha decisión meramente sanitaria e ter todo fechado e así non habería virus nas rúas pero probablemente non habería nada nas rúas, tampouco persoas.

Os erros? Ás veces pensar que o virus ía responder dunha forma predicíbel e ao final nas distintas ondas vimos que non todo é como se prevía, que houbo cambios. Cuestións como as de como se transmitía en certas entornas, aí tomamos medidas que despois se confirmaron que non foron as máis axeitadas nalgunha ocasión. 

Un dos aspectos máis criticados nos primeiros momentos da pandemia foi a ausencia de equipos de protección para o persoal sociosanitario. Até que punto a centralización da xestión favoreceu o desabastecemento nos hospitais e centros de saúde da Galiza?

O Ministerio nunca xestionou, só a sanidade pública de Ceuta e Melilla. Non estaba preparado e non tiña estrutura para xestionar a sanidade de todo un país. Tentou facelo e decatouse que non podía, que tiña que devolver esa responsabilidade ás comunidades, que son as que levaban facendo iso os últimos 30 anos.

Pero creo que o problema non estaba tanto aí, no desabastecemento, senón en que sucedeu todo moi rápido. Non é que nos collese sen EPIS, que as tiñamos, senón que se estas se usaban sen ningún tipo de control, o risco era que cando fixesen falta nas unidades Covid non as ía haber.  Había unha gran incerteza de como protexerse, houbo que contemporizar, poñer protocolos...

 

A entrevista ao completo podes lela no Sermos Galiza Especial 'Radiografía da sanidade, un ano de pandemia', que desde este sábado día 13 xa está en quioscos e librarías.

Se non es asinante, reserva o teu exemplar no quiosque para non ficar sen el. Lembra que podes facerte subscritora ou subscritor nesta ligazón, e mesmo podes apoiar o medio sen se te facer asinante, na opción de mecenas ou amizade.