Gallardón quitará adiante a súa contrarreforma do aborto no vindeiro trimestre

Con este anuncio, o Goberno español pechou neste último Consello de ministros unha tripla ofensiva contra o dereito a autodeterminación das mulleres sobre os seus corpos ao anunciar tamén que imporá a custodia compartida e que as nais que desexen ter crianzas en solitario e as lesbianas fican excluídas dos tratamentos de fertilidade na pública


O Goberno español trazou unha tripla ofensiva contra as mulleres nun único Consello de ministr@s. Foi o realizado esta sexta feira onde, para alén de anunciar que as nais que desexasen ter crianzas en solitario e as lesbianas ficaban excluídas dos tratamentos de fertididade e que a custodia compartida sería imposta aínda en contra da vontade das nais e dos pais, o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, anunciou que a reforma da lei do aborto chegará no vindeiro trimestre do ano.

Foi unha das promesas eleitorais coas que Mariano Rajoy se presentou ás eleccións que lle deron a vitoria en 2011 e desde aquela os globo-sonda ao redor das mudanzas a implementar para que a interrupción voluntaria do embarazo puidese practicarse nos hospitais públicos non deixaron de se suceder. A última idea coñecida do titular de Xustiza ten a ver con que o suposto de malformación do feto non sería tomado en consideración para a práctica do aborto legal. Tal anuncio xerou malestar non só na sociedade ou nos partidos da oposición, senón tamén nos sectores menos reaccionarios do propio PP. 

Cando Gallardón decidiu aparcar a reforma do aborto da primeira liña da axenda política a cuestión que se estaba a barallar era que, para alén de que a nova reforma devolverá os dereitos das mulleres sobre os seus corpos até 1985, estas terán que se acoller ao suposto de dano psicolóxico para poder interromper unha gravidez non desexada.