Gallardón propón que a axuda humanitaria a inmigrantes en situación irregular sexa delito

Propón tamén que as penas de cárcere lles sexan substituídas pola expulsión do Estado español, sen ter en conta a gravidade do delito. O mesmo goberno, o de Mariano Rajoy, quere regalar o permiso de residencia a estranxeir@s que merquen unha vivenda por valor superior a 160 mil euros. A Fiscalía xeral do estado prepara un informe "moi crítico" co anteproxecto de reforma do código penal que prepara o ministerio de Xustiza


O anteproxecto da reforma do código penal español que o goberno central aprobou en outubro criminaliza tamén a inmigración e a axuda sen ánimo de lucro que se lle poida dispensar á poboación inmigrante.

Dunha banda, o executivo de Mariano Rajoy quere 'premiar' coa regularización as persoas estranxeiras que merquen unha vivenda por valor superior a 160 mil euros, e que colectivos como o Foro galego de inmigración interpretaron como un permiso de residencia regalado "a inmigrantes ricos". Doutra banda, o ministro de Xustiza, Alberto Ruíz-Gallardón, quere modificar o CP para que as penas de cárcere que lles sexan impostas a persoas inmigrantes sexan substituídas, en todo caso, pola expulsión do Estado español, sen tomar en consideración a gravidade do delito cometido.

Para alén do anterior, o código de Gallardón deixa en mans da fiscalía a posibilidade de imputar ou non un delito de inmigración ilegal cando o obxectivo da persoa é prestar axuda humanitaria, isto é, o traballo que fan activistas, médic@s ou ONGD. A reforma xerou descontento social, mais tamén entre os profesionais da Xustiza.

A propia fiscalía xeral do estado está a redactar un informe "moi crítico" do anteproxecto que fará público na vindeira segunda feira, 17 de decembro, en que recordan ao ministro que "unha decisión que corresponde ao lexislador transfórmase nunha potestade discrecional da acusación pública sen elementos regulados que a acoten eficazmente".

Así e todo, a peor parte do documento que redacta a fiscalía vai parar ás medidas de seguridade que Gallardón quere impor, mesmo despois de satisfacer a condena no cárcere, como é o caso da custodia de seguridade. Tamén se revolven contra a cadena perpetua encuberta que o PP quere instaurar a través da denominada 'prisión permanente revisábel', exixindo que se manteña sempre "unha oportunidade concreta e realizábel" de saír en liberdade.

Di a fiscalía que a reforma española "desterra os principios de duración e onerosidade, e non pode desbordar nunca o linde temporal da pena". E aínda que o texto penal advirte que a medida de seguridade dependerá "do perigo" da persoa que sae en liberdade, a fiscalía alerta de que tal perigo "non pode ser presumido, senón que deberá ser probado". Exixen "extremar as garantías" á hora de impor unha custodia de seguridade, ao supor "unha intromisión nos dereitos fundamentais" de quen cumpriu xa a condena.