Gallardón impón a custodia compartida aínda contra a vontade das nais e dos pais

Na reforma do Código Civil que aprobou o Concello de ministr@s a mediación familiar aparece como procedemento preferente para resolver conflitos pola custodia das crianzas


O Consello de ministr@s aprobou esta sexta feira a reforma do Código Civil que xa anunciara o titular de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, en materia de custodia compartida. Elimínase o carácter excepcional desta medida e a xuíza ou xuiz conta con discrecionalidade para a aplicar cando estime oportuno, incluso en contra da vontade da nai e do pai, atendendo, din "ao interese superior do menor". 

O único criterio que conta é o da xuíza ou xuíz, fronte á lexislación actual, que contemplaba partillar a custodia dunha crianza sempre que mediase acordo entre @s proxenitor@s ou cando unha parte a solicitase, previo informe favorábel do Ministerio fiscal. Unha sentenza do Tribunal Constitucional de 2012 determinou que o devandito informe non era vinculante. Alén disto, a reforma que propón Gallardón contempla a mediación familiar como procedemento para solucionar casos de custodia, en lugar de recurrir aos xulgados "para reducir os litixios". 

A mediación familiar é unha forma de resolución de conflitos amplamente rexeitada polos colectivos feministas e aqueloutros que traballan con mulleres en situación de violencia machista, pois para que funcione de maneira adecuada ambas as partes deben estar en igualdade de condicións (igualdade de armas) para litigar. Nos casos de terrorismo machista tal equidade non existe e as nais ficarían sempre nunha posición subordinada.

Con todo, Gallardón dixo que a custodia compartida non se concederá en casos de condena por esta forma de violencia contra as mulleres ou cando existan "indicios" de que a nai da crianza estea a ser maltratada.