Gallardón di que un embarazo non desexado non dana a saúde das mulleres

O ministro de Xustiza volve citar o informe de Nacións Unidas que sinala que os prazos para abortar un feto san e outro con malformación deberían ser iguais para xustificar a supresión do suposto legal das malformacións para a interrupción voluntaria do embarazo. Apunta que a Lei de 2010 atribúe "hipotéticas e negativas consecuencias" sobre a saúde das nais

De "rebelde" e "nada conservadora" cualificou alá por marzo o ministro de Xustiza, Alberto Ruiz Gallardón, o paquete de medidas que pretendía aprobar neste ano: a necesidade de acreditar insuficiencia de recursos para acceder á xustiza gratuíta, gravar as taxas xudiciais para a segunda instancia, reformar o Código penal español para incluír de facto a prisión permanente revisábel e a custodia de seguridade. Para outono deixou os cambios na lexislación sobre o aborto, "recuperando os dereitos do concebido" e exixindo o consentimento de nai e/ou pai para que as mulleres que non teñan 18 anos poidan decidir sobre os seus corpos.

Após saír do prelo un manifesto asinado por centos de profesionais da xinecoloxía en contra da eliminación do suposto das malformacións no feto, Gallardón insiste en que a súa reforma "non se basea en frías estatísticas" e que son "multitude" as normas internacionais e do ordenamento xurídico español as que amparan e estenden o dereito á non discriminación a todas as persoas. Así se pronunciou nunha resposta parlamentar dirixida á deputada de ICV, Laia Ortiz, que preguntaba ao goberno español sobre a exclusión das malformacións como causa legal do dereito á interrución voluntaria do embarazo.

Di o conservador respecto da Lei de 2010, aprobada polo PSOE, que "non se sostén" emitir xuízos "atribuíndo hipotéticas e negativas consecuencias" sobre a saúde das mulleres cando estas non optan polo aborto perante un embarazo non desexado. Volve citar Gallardón o informe das Nacións Unidas que sinala que os prazos para abortar un feto san e outro con malformación deberían ser iguais.

Para dar cumprimento a esa recomendación existen dúas posíbeis opcións. Eliminar o suposto de malformación --como propón o ministro--, ou, en troques, ampliar os prazos dos outros dous supostos até os equiparar co contemplado para as anomalías graves. Esta segunda opción suporía que, atendendo a recomendación invocada por Gallardón, se podería mesmo descartar a limitación por supostos e optar por permitir legalmente o aborto libre e sen xustificacións até a semana 22.

Aliás, o informe da ONU en que o ministro Gallardón sustentou a súa decisión de aprobar unha norma máis restritiva que a de 1985 inclúe máis recomendacións para o goberno español que o PP tería pasado por alto. Entre elas, que destine "recursos suficientes para garantir os servizos de asistencia" a persoas dependentes e que os amplíe para dotar de "asistentes persoais" a quen conviva coa diversidade funcional. Pola contra, as axudas á Lei de dependencia fóronse coa 'austeridade', e o acceso de máis pacientes dependentes ficou paralizado.