Gallardón confirma que a súa lei non permitirá o aborto por malformación

Faino nunha entrevista concedida ao diario español El País en que asegura que presentaría a súa demisión antes de renunciar a un anteproxecto no cal cre firmemente. Acrecenta que o atraso nos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres non será de 30 anos. Ten razón: será aínda maior


Recorda en todo momento que a lei do aborto de 1985 fora aprobada por un goberno do PSOE para mitigar as acusacións de que a súa contrarreforma responde a unha motivación ideolóxica que vén azuzada pola Conferencia episcopal.

Nega incluso que a Igrexa movese fíos para que o Goberno español endurecese esta normativa, cando nos últimos meses foron varios os pronunciamentos do presidente da CEE, Rouco Varela, reprochando a demora do PP en cumprir o seu programa electoral e aprobar unha lei que ate en curto as mulleres que queiran decidir libremente sobre a súa maternidade.

Até a irmá de Manuel Fraga, fundador da formación conservadora, remitiu unha carta a Mariano Rajoy neste sentido, presionando por mudar a lei e ofrecéndose a "ler perante o Congreso e perante o Senado os nomes dos máis de 1.700.000 bebés asasinados silenciosa e legalmente polo aborto en España desde 1985". Nese ano despenalizouse en tres supostos a práctica da IVE (interrupción voluntaria do embarazo) cunha lei que, como veremos máis abaixo, non cubría as necesidades das grávidas. Até 1985 fora sempre ilegal, agás nun breve periodo durante a II república española, sendo ministra de Sanidade Federica Montseny.

Pois ben, o ministro de Xustiza e responsábel da contrarreforma do aborto, Alberto Ruiz-Gallardón, quere retomar aquela norma, a de 1985, e "corrixir" sobre o texto do PSOE "defectos de aplicación" que pasarán por dúas cuestións: dunha banda "incorporaremos o mandato da ONU para a non discriminación das persoas con discapacidade" e, da outra, prohibirase expresamente que @ médic@ que autorice a IVE traballe na clínica que a practique. As declaracións, tiradas dunha entrevista que o conservador concedeu ao diario español El País, veñen confirmar que a súa contrarreforma non vai permitir os abortos no suposto de malformación do feto, que si autorizaba a normativa do 85.

A ONU non obriga a nada e achega varias opcións para evitar esa "discriminación"

Así as cousas, o devandito informe das Nacións Unidas leva moito tempo servindo a Gallardón como escudo para modificar ao seu antollo unha lei que regula a soberanía das mulleres sobre os seus corpos e evita que a maternidade, lonxe dunha escolla, se torne nunha imposición. Con todo, o informe ao que se refire o ministro non só non "obriga", senón que o que sinala é que os prazos para abortar un feto san e outro con malformación deberían ser iguais.

Para dar cumprimento a esa recomendación existen dúas posíbeis opcións. Eliminar o suposto de malformación --como propón o ministro--, ou en troques ampliar os prazos dos outros dous supostos até os equiparar co contemplado para as anomalías graves. Esta segunda opción suporía que, atendendo a recomendación invocada por Gallardón, se podería mesmo descartar a limitación por supostos e optar por permitir legalmente o aborto libre e sen xustificacións até a semana 22.

Aliás, o informe da ONU inclúe máis recomendacións para o goberno español que o PP tería pasado por alto. Entre elas, que destine "recursos suficientes para garantir os servizos de asistencia" a persoas dependentes e que os amplíe para dotar de "asistentes persoais" a quen conviva coa diversidade funcional. 

No suposto de violación decidirá "o lexislador"

Pola contra, as axudas á Lei de dependencia fóronse coa 'austeridade', e o acceso de máis pacientes dependentes ficou paralizado. Tamén sobre esta cuestión ten algo que dicir o ministro de Xustiza. Na conversa mantida co diario de Prisa, espetou que "o feito de que pola crise haxa partidas orzamentarias que diminúen non significa que poidamos lexislar contra a ONU". En resumo: o Goberno español aboca as mulleres a seren nais pola forza de crianzas dependentes e, ao mesmo tempo, recorta as subvencións públicas a estas persoas.

A ONU ten dito tamén que negar a IVE nos hospitais públicos "equivale á tortura". Porén, sobre esta consideración Gallardón non dixo ren. Nos centros hospitalarios da Galiza este dereito non está garantido: unha muller de Compostela que queira abortar (dentro dos supostos permitidos) deberá facelo nunha clínica privada na Coruña ou en Vigo, clínica que, por suposto, paga o Sergas, tal e como obriga a lei de 2010 que, de momento, fica vixente.

Advertiu tamén o ministro español de que a última palabra para decidir entre os dereitos das grávidas e a "protección" do feto a terá "o médico nos aspectos de carácter clínico". Con todo, apunta en que haberá tamén "aspectos éticos" (fala das violacións) onde quen se pronuncie en último termo será "o lexislador". Total, que sobre o corpo das mulleres decidirán todos menos ela propia. Cómpre sinalar aquí que a lei de 1985 permitía o aborto libre até as 12 semanas cando a muller fora violada, interpoñendo unha denuncia previa. 

Que opinaban as mulleres sobre a lei de 1985? 

Como sinalamos, Gallardón colocou en varias ocasións durante a entrevista que o que el estaba a facer era copiar "a filosofía" da lei de 1985, aprobada poo PSOE. Aquela norma tiña algunhas eivas que as mulleres foron colocando riba da mesa a través de distintas accións reivindicativas. Dunha banda, non cubriu a reclamación dun aborto a cargo da rede sanitaria pública, por oposición á "seguridade social", reservando o dereito á IVE ás mulleres cuxa situación se axustase a un dos tres supostos permitidos e que tivesen traballo remunerado e, por tanto, contribuísen ás arcas do Estado.

Doutra banda, aquela lei non recollía as necesidades reais das mulleres ao non garantir o dereito a un aborto libre (sen prazos nin supostos) pois "nós non abortamos só cando a nosa vida está en perigo ou somos violadas, senón cando quedamos embarazadas e non queremos ter ese fillo". Así o sinalan Lourdes Arias e Loli Vázquez, dúas das sete mulleres que se autoinculparon de teren practicado abortos en Vigo en xullo de 1986 nunha entrevista realizada pola revista Andaina. Nela acrecentan que responsábeis do goberno español daqueles anos tiñan recoñecido que "necesitan que a presión social sexa moi forte para se xustificaren perante a Igrexa".