Gallardón báilalle a auga aos 'provida' cun comité de bioética abertamente antiabortista

O órgano recentemente renovado terá que valorar a reforma da lei de interrupción voluntaria do embarazo. D@s 12 membr@s do novo comité, 7 rexeitan taxativamente este dereito das mulleres


Carlos Alonso Bedate e César Nombela Cano, as dúas únicas voces discrepantes no comité de bioética que avalou a reforma da lei do aborto impulsada en 2010 polo PSOE. Natalia López Moratalla, contraria á interrupción voluntaria do embarazo en todos os supostos, tamén naqueles en que a muller foi violada. María Teresa López López, vicepresidenta da fundación Acción Familiar, que xa emitiu un comunicado de imprensa defendendo a reforma da IVE que pretende Gallardón. José Miguel Serrano Ruiz-Caldera, defensor de posturas que rexeitan a investigación con células nai.

Fidel Cadena Serrano, fiscal do Tribunal Supremo nomeado o mesmo día que o ministro Gallardón. Nicolás Jouve de la Barreda, impulsor do manifesto parido en Madrid en 2009 contra a lei de Zapatero e autor dun artigo en que presenta a homosexualidade como "un modo de vida irregular e desordenado". Vicente Bellver Capella, abertamente contrario á investigación con células nai embrionarias.

Manuel de los Reyes López, Federico de Montalvo Jääskeläinen, Carlos Romeo Casabona e Pablo Ignacio Fernández Muñiz completan o retrato do novo Comité de Bioética, o órgano consultivo que terá que emitir un informe sobre a reforma da lei do aborto que prepara o PP. Os dous últimos, Romeo Casabona e Fernández Muñiz, son os únicos designados por gobernos autonómicos que non están en mans conservadoras.

Así as cousas, a ministra de Sanidade, Ana Mato, asinou o 19 de decembro unha orde para renovar @s integrantes do comité, unha vez transcorridos os catro anos que deben ficar no cargo, segundo a lei (2008-2012). Coas novas incorporacións gañan peso profesionais de perfil máis conservador: d@s doce, sete manifestáronse abertamente contrari@s ao aborto. Aínda que o ministro de Xustiza dixo que tería o texto para o outono, foi adiando a presentación en sociedade da nova lei de tal xeito que será este comité, e non o anterior, o encargado de avaliala. A escolla repártese entre o Goberno central --ministerios de Economía, Sanidade, Xustiza e Industria-- e os gobernos dos territorios.

Así pensan catro d@s membr@s do novo comité que avaliará a reforma do aborto

  • Nicolás Jouve de la Barreda é catedrático de xenética da universidade de Alcalá. Nun artigo publicado en abril de 2009 pregúntase como se explica "a ameaza" de converter o aborto nun dereito e loa o "encomiábel" labor de colectivos provida como o Foro de la familia ou a Red madre ao entender que "poñen todo o seu empeño en disuadir ás mulleres dicíndolles a verdade sobre a vida que se vai eliminar". A renglón seguido, explica "o cruel procedemento" que se segue, segundo el, ao practicar unha interrupción do embarazo: "arrancarlles o fillo das entrañas, despedazalo, trituralo e tirar os restos ao lixo ou polo sumidoiro".
     
  • Carlos Alonso Bedate é membro do centro de bioloxía molecular do CSIC. Nunha declaración publicada nun portal web vinculado á Igrexa en novembro de 2009 detallou que considera "eticamente inaceptábel" calquera norma que acepte a práctica do aborto, e rexeita que a IVE poida considerarse un dereito "desde ningún punto de vista".
     
  • César Nombela Cano é catedrático de microbioloxía na Complutense de Madrid. Nunha ponencia impartida en marzo de 2009 e que levou por título La dignidad humana hasta la muerte natural declarouse firme detractor da eutanasia "por atentar contra a dignidade humana" e rexeitou o aborto en todos os supostos, argumentando que o termo 'interrupción voluntaria do embarazo' é "un eufemismo que agocha a fin dunha vida". Esquecendo o dereito das mulleres a escoller libremente cando e como queren ser nais, Nombela Cano reclamou tamén "un apoio decidido á maternidade".
     
  • Natalia López Moratalla é catedrática de bioquímica e bioloxía molecular. Nunha entrevista concedida ao diario guatemalteco Prensa Libre en 2009 aseverou que "cientificamente o aborto é malo", vincula a IVE con "traumas psíquicos" das mulleres que deciden porlle fin á súa gravidez "ligados á drogadicción e ao suicidio". Perante a pregunta de que pasa se a muller quere abortar, afirma con rotundidade que "sempre está presionada porque a abandonou o pai da crianza" e ao nomear o suposto da violación explica López Moratalla que "en España en seis anos só houbo tres violacións".