A Galiza é a autonomía máis afectada polo radon e seguimos sen Plan Estatal

Mapa do potencial radon que pode haber no Estado español. A Galiza sendo a autonomía máis afectada (Foto: Europa Press).

O prazo para presentar o Plan Estatal acabou en febreiro de 2018.

 

 

 

 

A Directiva da Unión Europea daba de prazo até febreiro de 2018 para que todos os Estados membros puxesen en marcha un Plan Estatal de Radon. José Miguel Rodríguez, director de Vivesinradon.org, denuncia que o español "é o único Estado que incumpre ese prazo, o cal é moi sanguento".

Sen que o ministerio de Sanidade publicase aínda ese Plan Estatal, fíxose público o Real Decreto 1029/2022 do 20 de decembro, que recolle un marco moi xenérico para a protección e prevención fronte ao radon. Esta normativa só traspón parcialmente a directiva europea, "e aínda por riba inclúe unha disposición adicional que dá 18 meses de prórroga para estabelecer e implementar medidas concretas e reais de protección, así que seguimos igual que estabamos".

"Todo é papel mollado e os cidadáns están desarmados ante este risco. Non é que non saiban protexerse, é que a maioría nin saben que existe", lamenta José Miguel Rodríguez.

Hai moito descoñecemento no que respecta ao radon e aos efectos que pode ter na saúde. Estar exposto moito tempo a este gas radiactivo aumenta de maneira exponencial a probabilidade de padecer cancro de pulmón no futuro. Na Galiza 7% das mortes por esta enfermidade débense á exposición ao radon. 

Enorme presenza do radon na Galiza

O radon existe de forma natural no 70% do territorio da Galiza, mais tamén está moi presente nas edificacións. De feito, segundo o Laboratorio de Radon da Galiza, 18% das vivendas do noso país superan o límite de radon marcado pola Organización Mundial da Saúde (OMS).

"Onde hai un terreo de composición granítica hai ou pode haber radon nos interiores dos edificios. Tamén o hai ao aire libre, mais dilúese na atmosfera e non supón risco. Con todo, cando se filtra dentro dunha edificación, queda estancado e se vai concentrando, e as persoas que viven ou traballan aí respírano durante moitas horas ao día, moitos días ao ano, moitos anos", subliña Rodríguez.