Na Galiza xa só se celebran pola igrexa 22% dos matrimonios cando hai dez anos era 55%

Os matrimonios civís representan 77% do total cando en 2008 non chegaban 45%. Dos 8.394 matrimonios rexistrados o ano pasado, 1.887 foron por cerimonia relixiosa: 1.811 polo rito católico e 76 por outros. 

A mudanza de crenzas e costumes que a sociedade galega experimentou nestas décadas ten un dos seus reflexos máis claros no retroceso da presenza da igrexa en campos onde até non hai tanto era indiscutíbel. Os dados do Instituto galego de estatística (IGE) sobre os matrimonios realizados no noso país en 2018 exemplifican nesa mudanza.

Así, en 2018 na Galiza rexistráronse 8.394 matrimonios, deles 139 entre persoas do mesmo sexo - 68 entre muller e muller e 71 entre home e home -. Destes máis de oito mil enlaces (que é un descenso de case 10 puntos respecto aos rexistrados en 2017) os que se fixeron mediante cerimonia relixiosa fican en 22% do total: 21,9% seguindo o rito católico e 0,3% o doutras relixións.

É unha mudanza xigantesca a respecto do que acontecía hai só dez anos: en 2008 os matrimonios que se facían a través de celebración relixiosa eran maioría na sociedade galega; 55,1%, 33 puntos máis que agora. Daquela, hai unha década, os matrimonios civís ficaban nun minoritario 44,6%. Hoxe en día, son 76,9%, case oito de cada vez.

Mais non é este o único indicador da desafección dunha parte importante da sociedade galega respecto a unha institución, a igrexa, que foi omnipresente durante séculos no noso país. Así, e como publicabamos en marzo, apenas un de cada catro galegos e galegas que fan a declaración da renda poñen o X no cadro correspondente para autorizar que 0,7% da súa factura fiscal vaia para a Igrexa católica. Un cadro que riscaron 25,9% das persoas que presentaron a declaración na Galiza, unha porcentaxe que é 7 puntos inferior á media española, que se sitúa en 33,3%. De feito, Galiza é o segundo territorio do Estado español onde menos porcentaxe de contribuíntes autoriza que parte da súa declaración se destine á igrexa católica. Só Catalunya, con 18,5%, ten ratios máis baixos que Galiza, segundo os dados da propia Conferencia Episcopal.